Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira firma un convenio coa ANPA do IES Punta Candieira para estimular a dinamizacion cultural e laboral da xuventude

CEDEIRA FIRMA UN CONVENIO COA ANPA DO IES PUNTA CANDIEIRA PARA ESTIMULAR A DINAMIZACION CULTURAL E LABORAL DA XUVENTUDE

O Concello de Cedeira vén de firmar un convenio de colaboración coa ANPA O Beco do IES Punta Candieira que se levará á práctica ao longo do próximo ano e cuxo importe ronda os 10.000 euros.

A firma do acordo reunía o pasado xoves nas dependencias municipais á presidente da entidade escolar, Beatriz Piñón García e máis ao alcalde, Pablo Moreda Gil, e a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez.

Despois de varias reunións nas que tamén estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, e o concelleiro de Educación, Robustiano Labrana Barrero, -ademais do equipo directivo da ANPA O Beco- este presentoulle aos representantes municipais unha memoria detallada e orzamentada para o desenvolvemento dun Plan de Acción para o 2018.

Os obxectivos deste proxecto son estimular a dinamización cultural e laboral da xuventude, así como promover a súa integración na sociedade a través de accións lúdicas e formativas a desenvolver por medio dos seguintes programas: préstamo de libros, Voz Natura, Falamos con.., Aventúrate na creatividade, TAX (traballo Agrícola Xuvenil), Información, Promoción Sociolaboral, Promoción da Igualdade, Cinema Xuvenil e Mellora do equipamento local.

O Plan de Acción proposto pola ANPA O Beco é unha iniciativa moi ambiciosa e para o seu desenvolvemento é fundamental a colaboración económica do Concello de Cedeira. Os representantes do goberno local consideran “moi importante o labor de todas as asociacións do municipio, auténticas dinamizadoras socioculturais e agradecen neste caso á ANPA do IES Punta Candieira o seu esforzo e compromiso para levar adiante este Plan de Acción Social”.

O programa no que máis revertirá a aportación municipal será no de Promoción Sociolaboral, no que se inclúen unha serie de cursos de distinta temática entre os que destacan: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións ou Carretillas elevadoras, taspaletas e apiladores eléctricos. O prazo de matrícula abrirase o próximo mes.

Todas as persoas interesadas en participar en calquera das distintas accións formativas que ofrece a ANPA O Beco poden achegarse á oficina da mesma no IES Punta Candieira en horario de catro a seis da tarde.