Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA DÓTASE DUNHA ORDENANZA REGULADORA DA TAXA DE RETIRADA DE VEHÍCULOS DA VÍA PÚBLICA

O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa última reunión a proposta da nova ordenanza que vai regular, por primeira vez no Concello, a taxa a cobrar pola inmobilización, retirada, depósito e custodia de vehículos. Tal como expón o texto, que agora deberá someterse a exposición pública antes da súa entrada en vigor, este é un servizo público de competencia local que obrigatoriamente ten que contar coa súa contraprestación económica.

Tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o feito de non contar con esta regulación facía complicado, polos procedementos administrativos que ten que seguir o Concello, contratar o servizo de guindastre cando hai que retirar vehículos que están estacionados diante dalgún vado e impiden a saída e a entrada, ou ben en eventos festivos ou deportivos que fan necesario despexar a calzada. “A ordenanza dótanos dunha ferramenta importante para facilitar e axilizar a retirada de coches, unha situación que a miudo é precisa e tamén urxente”, comentou Moreda.

Segundo establece a ordenanza, a taxa pola retirada será de 60€ para motocicletas e vehículos con taxa máxima autorizada inferior a 750 quilos; 90€ para turismos e vehículos con máis de 750kg e 200€ para camións, autobuses, etc. Dito importe incrementarase en 5 euros diarios, nos dous primeiros casos, ou 10 euros, para o terceiro, polo depósito e custodia.

Tamén especifica a ordenanza a taxa para a inmobilización, que será de 20€ para motos e turismos e de 30€ para camións e autobuses, cun incremento de 5 e 10€ diarios, respectivamente, por depósito e custodia.