Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira demanda da Xunta un centro de día cunha campaña de recollida de firmas

O Concello de Cedeira vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas demandando á Xunta a creación dun centro de día no municipio, “por carecer a día de hoxe dun centro público que dea apoio nin aos 125 veciños declarados dependentes nin ás persoas que teñen que exercer o papel de coidadoras”.

O goberno municipal conta co apoio e a colaboración do movemento asociativo para levar a cabo o devandito propósito. De feito, a veciñanza que desexe secundar esta iniciativa pode facelo nas sedes sociais de Eixil, Sobre rodas, Rondalla de Cedeira, Virxe do Mar, Veciñanza de Piñeiro, Discalz@s polo Festival, Amas de Casa, Vila de Cedeira, Robaleira, Museo Mares de Cedeira, Patchwork de Cedeira, Asociación de Maiores, Cultural Garola, Acordeóns de Cedeira, Tarroiba, Coral Herbeira e Aturuxeiras, así como no propio Concello, no Palacete, na oficina dos Servizos Sociais e máis no polideportivo.

A través do escrito que xa se está a repartir, o executivo local tamén pon de manifesto o seu compromiso de colaborar coa Xunta na realización do proxecto poñendo á súa disposición os terreos necesarios para a realización dunha obra que “axudaría a solucionar os problemas de atención e coidado que requiren as persoas dependentes e as consecuencias que acaban sufrindo as coidadoras”.