Cedeira convoca para mañá o “Día da Bici”

CEDEIRA CONVOCA PARA MAÑÁ O “DÍA DA BICI”

“Achégate a compartir unha xornada en familia” é o lema do Día da Bici, unha iniciativa que se celebra mañá en Cedeira dentro da programación das III Xornadas Escolares de Educación Viaria organizadas polo Concello, o CEIP Nicolás del Río e a Policía Local.

O centro educativo será o punto de partida dunha actividade que dará comezo ás 12.00 horas e que discorrerá polo contorno urbano da vila cedeirense. O camiño grande da Madalena, a praza da Revolta, a avenida de Castelao e a vila vella son localizacións que forman parte dun itinerario atractivo e sen atrancos.

Desde o goberno local invítase a maiores e cativos a tomar parte nunha iniciativa que permite coñecer a localidade desde outra prespectiva e que tamén pode resultar moi interesante desde o punto de vista medio ambiental. En caso de choiva, a actividade trasladarase á xornada do luns.