Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira contrata por 143.979 euros a renovación de beirarrúas en cinco viais do centro urbano da vila

CEDEIRA CONTRATA POR 143.979 EUROS A RENOVACIÓN DE BEIRARRÚAS EN CINCO VIAIS DO CENTRO URBANO DA VILA

O Concello de Cedeira vén de adxudicar á empresa Sergonsa Servicios SL o proxecto de mellora de beirarrúas nalgunhas das principais vias do centro da vila coa finalidade de favorecer a mobilidade peonil e mellorar o estacionamento. O acordo pechouse por importe de 143.979,11 euros (IVE incluído). O número de empresas licitadoras foi doce.

Trátase dun conxunto de cinco intervencións, que se executarán nun prazo de cinco mes e que se levarán a cabo na avenida da Area e nas rúas Camiño da Madgalena, Mariñeiros, Ponte Nova e As Pontes de García Rodríguez.

Todas as actuacións consistirán na demolición das beirarrúas que agora existen para dar lugar á realización doutras novas, con pavimentos a base de pedra artificial, baldosa ou terrazo e, nalgúns caos, tamén na ampliación das prazas de estacionamento e do espazo reservado aos peóns.

Este será o caso do proxecto que se levará a cabo na rúa das Pontes de García Rodríguez, na que as actuais beirarrúas dun metro de ancho pasarán a ter 1,5 metros, no tramo das avenidas Castelao e España, e 1,80 no comprendido entre as avenidas de España e da Area. A obra tamén inclúe a creación de novas áreas de estacionamento en liña e un carril central de 3 metros.

No caso do Camiño da Magdalena, a actuación levarase a cabo no tramo comprendido entre a rúa José Pascual López Cortón e o final da parcela do colexio Nicolás do Río, mentres que na dos Mariñeiros a obra afectará ás beirarrúas existentes entre a praza do Peixe e a rúa Longa.

No vial da Ponte Nova, as novas beirarrúas estarán entre a rúa Rosalía de Castro e a ponte nova e na avenida da Area a intervención levarase a cabo en ámbolos dous marxes da estrada, de maneira que entre a travesía da Silva e o camiño da Xunqueira materializarase polo lado esquerdo e entre a rúa As Pontes e o camiño da Xunqueira, polo dereito.

O proxecto, cuxo prazo de garantía é dun ano, tamén inclúe a renovación da sinalización horizontal e o recrecido das tapas dos pozos de rexistro e arquetas.