CEDEIRA CONSTRUIRÁ NOVOS VESTIARIOS NO CAMPO DE FÚTBOL PARA FAVORECER A IGUALDADE DE XÉNERO

O Concello de Cedeira leva o tema da igualdade de xénero ás instalacións deportivas. O goberno municipal vén de contratar por 59.502,33 euros á empresa Mecano, Obras y Reparaciones SL para a construción de novos vestiarios no campo de fútbol municipal do Beco. A obra virá completar a edificación existente fronte aos terreos de xogo, respectando a tipoloxía, alturas e mesmo as súas características estéticas.

O prazo de execución da obra é de dous meses e a realización da mesma obedece a necesidade de adecuar as instalacións á incorporación da muller á práctica regular do fútbol. A realidade, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil, “é que a presenza feminina é cada vez maior en todas as categorías”. A vila conta ademais cun equipo, Discalzas Cedeira SD, que está a competir na liga Feminina de Fútbol 8.

A idea é permitir o uso diario dos dous campos de fútbol oito e suplir as carencias que había con respecto á ultilización dos vestiarios por parte das xogadoras.

O proxecto consiste na construción de dous vestiarios, cunha superficie útil de 82 metros cadrados cada un deles e con capacidade para un mínimo de 15 usuarios á vez. Haberá zona de entrada, espazos para as duchas -unha para cada tres persoas-, cabinas accesibles, bancos, aseos, lavabos e taquillas con chave.

A realización deste proxecto forma parte das actuacións levadas a cabo desde o goberno municipal para mellorar as instalacións deportivas, por considerar que tamén así se está a promocionar o deporte. Esta política deu lugar hai pouco á compra de bicicletas verticais e de spinning para o ximansio, a obras de mantenimiento e mellora do sistema de auga quente no pavillón polideportivo, á erradicación de humidades e á substitución dos bancos soterrados utilizados por adestradores e xogadores suplentes no campo de fútbol de O Beco. O investimento rondou os 40.000 euros.