Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira conmemorará este domingo o 25-N cunha concentración diante do Concello

O goberno de Cedeira conmemora o 25 de novembro ese mesmo día -o domingo- cunha concentración na praza do Concello, coa lectura dun manifesto e con actuacións musicais a cargo de Iría e Dopazo.

Ademais xa foron colgadas pancartas dos edificios municipais -Concello, Palacete, Polideportivo e Servizos Sociais- e distribuironse carteis cos lemas “Cedeira en Negro”, “Non abuses”, “Non Violes” en negocios, comercios e locais de hostalería. As persoas que o desexen tamén poderán vestir de loito en sinal de dor por todas as mulleres mortas e polas que están a sofrer violencia.

O executivo local invita á veciñanza a secundar unha iniciativa que dará comezo ás doce do mediodía e na que tamén tomarán parte representantes da corporación.

O Concello tamén colabora co Club de Remo da localidade na celebración dun “adestramento contra a violencia de xénero” que terá lugar mañá sábado e que incluirá un minutos de silencio con remos en alto en homenaxe ás vítimas e un percorrido marítimo polo conxunto das embarcacións participantes. A actividade dará comezo ás 16.30 horas e terá o seu punto de partida fronte O Ramón.

O Concello de Cedeira participa, xunto a outras 101 administracións locais e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, na campaña “En Negro contra as Violencias” co obxectivo de sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres e para poñer nas axendas a agresividade machista como un problema público e que afecta a toda a cidadanía.

Desde o ano 2008, as cifras oficiais rexistran 619 asasinatos machistas no conxunto do Estado e 43 en Galicia e, no que vai de ano, a violencia contra as mulleres acabou coa vida de 10 menores.

[lsvr_gallery images=”14470,14471″ items_per_row=”2″ size=”full” masonry=”yes” click_action=”lightbox”]