Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira conmemora o 8 de marzo con fotografías, charlas, teatro e a primeira edición do premio “muller da vila”

CEDEIRA CONMEMORA O 8 DE MARZO CON FOTOGRAFÍAS, CHARLAS, TEATRO E A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO “MULLER DA VILA”

A Asociación de Amas de Casa estará este ano ao fronte dos actos do Día Internacional da Muller Traballadora, para o que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, un xesto máis do apoio do goberno á folga do día 8.

Esta programación inclúe desde unha exposición fotográfica representativa do colectivo feminino da localidade ata a creación dun premio para valorar a traxectoria profesional ou persoal dunha muller de Cedeira.

As actividades darán comezo o día 8 coa apertura ao público da mostra fotográfica “Mulleres da vila” na cafetería do auditorio. Trátase dunha recopilación en imaxes da presenza feminina na vida social e laboral da localidade. A mostra reúne case un cento de fotografías.

Ese mesmo día a Sala Áncora, a partir das 20.00 horas, acollerá unha mesa redonda sobre “Mulleres de Cedeira, falemos de nós”.

A programación terá continuidade o sábado 10 co espectáculo “Matrioskas”, a partir das oito da tarde no auditorio. María Ortiz e Sofia Espiñeira son dúas mulleres cantando e contando sobre mulleres, que xuntan verbas e música para revivir historias de vida. A continuación, a actividade trasladarase á cafetería do devandito centro cultural onde terá lugar a cena, na que tomarán parte unhas 100 persoas, e que rematará coa entrega do premio “Muller da vila” na súa primeira edición. Os interesados aínda poden inscribirse na sede da entidade, situada na rúa Ortigueira. Os prezos son de 17 euros para as socias e 20 para o público en xeral.

Ángeles Villar acaba de asumir a presidencia dunha entidade que quere ter unha maior presenza na localidade así como participar no seu desenvolvemento.