Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira completa a súa oferta turística con rutas de sendeirismo guiadas

CEDEIRA COMPLETA A SÚA OFERTA TURÍSTICA CON RUTAS DE SENDEIRISMO GUIADAS

O programa arrincará o martes 17 e estará vixente ata finais de agosto.

O Concello de Cedeira completa a súa oferta turística coa organización de dúas rutas de sendeirismo guiadas. Son os denominados roteiros dos Tesouros e de Santo André de Teixido. As saídas, que darán comezo o próximo martes, día 17 de xullo, serán todos os martes e xoves ata finalizar o mes de agosto.

Con respecto á ruta dos Tesouros dará lugar a unha andaina de aproximadamente 10 quilómetros cuxo obxectivo será o faro de Robaleira e súa contorna. A duración estimada é de tres horas e saída será os martes ás 9.00 horas desde a oficina de Turismo, situada no número 18 da avenida de Castelao.

En canto a segunda das propostas, tamén dará comezo ás 9.00 horas pero, neste caso, os primeiros quilómetros faranse en vehículos particulares, ata a igrexa de Régoa, punto de partida unha andaina que cubrirá unha distancia dun 16 quilómetros. A duración será de cinco horas e terá lugar os xoves.

As persoas interesadas xa poden facer a reserva de praza na oficina de Turismo (teléfono 981482 187). O número de participantes é limitado, só serán admitidos os vinte primeiros solicitantes, e a participación é gratuíta. A organización establece como material necesario calzado de monte, bastón, auga, froita e chuvasqueiro. A dificultade é baixa, polo que se trata de actividades nas que tamén poden tomar parte nenos e nenas.

Cara ao presente mes, as saídas serán os días 17, 19, 24, 26 e 31, mentres que en agosto se levarán a cabo os días 2,7,9,21,23, 28 e 30.