Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira chegará este ano ás 1.460 lámpadas led na zona rural coa contratación de 921 unidades máis

O Concello de Cedeira saca a contratación a subministración de 921 lámpadas Led na zona rural, máis concretamente nas parroquias de San Román de Montoxo (117 unidades), Esteiro (230), Piñeiro (140), Régoa (129), Cervo (151), Cedeira (66) e Montoxo, de San Xiao, (88). Deste xeito, Cedeira pasará a ter na zona non urbana un total de 1.460 lámpadas Led conectadas á iluminación pública antes de que remate o ano.

O investimento ascende a 65.872,78 euros (IVE incluído) e o prazo de execución dos traballos é de dous meses. As empresas interesadas dispoñen ata o día 31 deste mes para presentar as súas ofertas.

Coa contratación deste novo proxecto o executivo local volve incidir na súa política de apostar polas novas tecnoloxías fronte ás antigas lámpadas de vapor de sodio (VSAP) por ser máis respectuosas co medio ambiente e porque necesitan a metade de potencia para producir o mesmo fluxo luminoso, o que tamén se traduce nun menor gasto eléctrico. Segundo a Federación de Municipios y Provincias, o uso de Led na iluminación pública -que representa entre o 40% e 70% do gasto enerxético dos concellos- reduce practicamente a metade da factura eléctrica. Neste sentido, cabe recordar tamén que o Concello de Cedeira está a traballar en proxectos que teñen como obxectivo a redución das emisións de Carbono como membro do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha alianza a nivel global de cidades e gobernos locais comprometidos coa loita ao cambio climático.

Todas as bombillas que serán substituídas por LED terán 30 W de potencia e viran a iluminar, entre outros, os lugares de Fragoso, Veciñeira e Aron, na parroquia de San Román de Montoxo; San Miguel, Vilela e Os Loureiros, na de Esteiro, e Ventosa, Camiño do Beco e Virizo, na de Piñeiro. Na parroquia de Régoa, as novas lámpadas localizaranse, entre outras, nas zonas de Barral, A Rúa e Ervellas, mentres que na de Cervo estarán en Vilar, Covo e Trasmonte. Vilacacín e Areosa serán os lugares da parroquia de Cedeira que pasarán a ter Led, unha novidade que tamén se deixará sentir nos das Filguieras, Carracedo e Mundín vinculados a San Xiao de Montoxo.