Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira busca fortalecer o comercio e a hostalería local cun plan de acción para súa dinamización

O goberno municipal impulsa un plan de dinamización do comercio e a hostalería da localidade para revitalizar dous dos sectores máis afectados pola pandemia da Covid- 19 e así tamén mellorar as súas perspectivas de futuro.

Esta acción de goberno levou ao executivo a contratar á empresa Goodlife Factory SL, que estará á fronte duns traballos que necesitan desde o contacto directo con empresas e consumidores ata o deseño de estratexias de mercado. Estas medidas axudarán a debuxar unha folla de ruta que incrementará a competitividade global do tecido comercial de Cedeira cara aos próximos tres anos. O contrato ascende a 18.000 euros (IVE incluído), sendo a empresa adxudicataria a de menor contía das tres que presentaron ofertas.

Porque, segundo o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “o noso obxectivo, como goberno, é crear un sinal de identidade do que é Cedeira”. “En definitiva”, apuntou a rexedor, “non só queremos que o municipio sexa cabeceira de comarca a nivel turístico senón tamén da hostalaría e, por suposto, do comercio”. Para alcanzar estes propósitos, é necesario, segundo Moreda Gil, “elaborar un plan que axude a comercios e locais de hostalería a optimizar todos os seus recursos con innovación e melloras que veñan a incrementar a calidade dos servizos”. Para o equipo de goberno, dixo o alcalde, o plan de dinamización tamén se convertirá nunha referencia para fixar prioridades cara a futuros proxectos.

Xa para rematar, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a importancia que ámbolos dous sectores teñen para a economía local e considerou necesario investir para coñecer cal é a súa situación actual e, a partir desa realidade, idear medidas que contribúan a fortalecer o seu futuro.