Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira asina un convenio coa Deputación para cofinanciar o centro interpretativo do Sarridal

CEDEIRA ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA COFINANCIAR O CENTRO INTERPRETATIVO DO SARRIDAL

O goberno de Cedeira vén de asinar un convenio coa Deputación da Coruña polo que esta se compromete a financiar o 80% do proxecto que converterá o castelo da Concepción no centro interpretativo do xacemento de punta Sarridal. O acordo foi asinado esta semana polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e polo deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Manuel Soto Vivero, e no seu texto recóllese que a axuda provincial ascenderá a 31.638 euros e o gasto total previsto polo Concello superará os 39.500 euros. O convenio estará vixente ata outubro do 2020.

Con cargo a eses case 40.000 euros, o executivo local proxecta a renovación do conxunto da instalación eléctrica, o cambio de luminarias, a colocación de luces de emerxencia e de tomas de luz para as audioguías, así como a instalación dun mostrador para recibir aos visitantes e dun total de nove vitrinas nas que poder expoñer a riqueza arqueolóxica recuperada nas escavacións levadas a cabo na zona de Sarridal. O luns precisamente dará comezo unha nova campaña. Será a número cinco. A área expositiva completarase cun sofá e unhas mesas e asentos pensados para que os máis pequenos tamén poidan descubrir o mundo da arqueoloxía a través dos seus propios debuxos.

A finalidade do proxecto, tal e como consta no convenio, é achegar a historia local a todo o público en xeral e incrementar, no caso do castelo, o atractivo que xa ten de por si poñendo o lugar da exposición en relación directa coa localizada nas inmediacións.

O equipo de goberno de Cedeira valora o acordo, por canto contribuirá á posta en valor do patrimonio arqueolóxico local e mesmo da fortaleza defensiva. Pola súa banda, a Deputación destaca o interese público, social e económico do proxecto a desenvolver.