Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira aproba o plan de obras e servizos 2020, que inclúe cinco grandes proxectos cun investimento global de 565.000 euros

O pleno do Concello de Cedeira aprobou, cos votos a favor do PSOE e BNG, o Plan de Obras e Servizos 2020, que deixará un investimento conxunto de 565.150, 36 euros no municipio e a realización dun total de cinco proxectos. A sesión plenaria tivo carácter extraordinario e celebrouse antonte.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a importancia dun plan que “axúdanos a cubrir as nosas necesidades pero tamén a construír unha Cedeira mellor” e defendeu as obras previstas por canto van nesa dirección.

Un dos grandes obxectivo cara ao próximo ano é a renovación integral da praza dos Cabalos, unha intervención que “transformará un lugar de encontro de persoas maiores nunha praza moderna que sirva de faladoiro, que sexa un espazo cuberto e que estea protexido tamén contra os ventos”, dixo o rexedor municipal.

A intervención prevista afectará a unha superficie de 585 metros cadrados e consistirá na reorganización das diferentes zonas existentes (peonil, axardinada e aparcadoiro), así como na instalación dunha pérgola cuberta con vidro e protexida no seu lado sur, na dotación dun novo mobiliario urbano e na substitución da actual iluminación por outras máis respectuosa con medio ambiente.

Os pavimentos da zona peonil serán de granito e tamén, en certos tramos, táctiles para o uso de persoas con discapacidade visual. As papeleiras serán selectivas e os bancos de madeira. No proxecto non se contempla a substitución dos magnolios existentes nas catro esquinas da praza, pero si unha revisión e actualización de toda a zona axardinada.

O goberno municipal tamén conta coa axuda económica da Deputación para dar continuidade a súa política de apostar pola tecnoloxía led, é dicir, maior vida útil a menor consumo e emisións contaminantes á atmósfera.

De cara aos próximos meses o executivo local ten previsto instalar un total de 912 lámpadas Led. A devandita cantidade distribuirase entre as sete parroquias. Así, na de San Román colocaranse nos lugares de Fragoso, Veciñeira, Baturro, Arón e Lodairo; na de Esteiro, en San Miguel, Igrexa, Laboreña, Cordobelas, Campo da Cruz, Campelo, Vilela, Edreiros, Porto do Cabo e Fonfría, entre outros, mentres que na de Piñeiro, será en Virizo, Agrochail, Ventosa, Xunqueira, O Beco e Peneiro. No caso da parroquia de Régoa, pasarán a ter iluminación Led os lugares das Pontigas, Barral, Rúa, Barrosas, Ervellás, Viriño, Lamelas e Meizoso, entre outros, así como en Santalla serán Magoira, Corredoira, Chímparra, Remesal, Covo, Transmonte e Espiñaredo. Por último, na parroquia de Cedeira os novos puntos Led situaranse en Vilacacín, San Isidro, Arba e Areosa e na de Montoxo, en Penela, Penica, Ferería, Vilarnovo, Mundín, Cheda, Carracedo e As Figueiras.

As tres actuacións coas que o goberno municipal busca contribuír a conservación do patrimonio local pasan pola renovación do pavimento de cor vermella da praza Roxa debido a súa deterioración, pola reparación da cuberta dos escolares de Saa e Sisalde Maior e para a substituír o chan da parte vella do cimiterio municipal.