Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira adxudica o proxecto de saneamento nas Pontigas por un importe de 80.000 euros

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar, por importe de 80.000 euros (IVE incluído), o proxecto de saneamento que dará servizo aos 120 habitantes do lugar das Pontigas, unha intervención moi valorada polo equipo de goberno “porque axuda a mellorar a calidade de vida dos veciños/as e garante o correcto tratamento das augas residuais”. Na actualidade, as casas veñen utilizando foxas sépticas.

Urespa Proyectos y Obras SL é a empresa contratada para levar a cabo unha obra cuxo prazo de execución é de cinco meses e que se desenvolverá desde a saída do núcleo urbano de Cedeira cara a San Andrés de Teixido.

O proxecto dará lugar á colocación dunha rede de case 800 metros de lonxitude e á construción dun total de 21 pozos de rexistro para garantir a recollida e o transporte das augas residuais desde as vivendas ata o sistema de depuración. Este será de fitodepuración en balsa húmida, cuxa principal característica é o tratamento das augas residuais a base de plantas acuáticas con capacidade para procesar e sintetizar os residuos e materias orgánicas que previamente serán sometidos a procesos de decantación, clarificación e filtros biolóxicos nunha foxa séptica. A que entrará en servizo nas Pontigas terá capacidade para acoller 35.000 litros. Esta cantidade garante o tratamento diario de 300 litros por habitante.

Desde o executivo local destácase que o sistema elixido axústase perfectamente ás características da obra, tanto por ser respectuoso co medio ambiente como polos seus reducidos custos.