Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira acolle hoxe a 14ª edición da Xuntanza e Ruta Cabalar organizada pola Asociación A Crina

CEDEIRA ACOLLE HOXE A 14ª EDICIÓN DA XUNTANZA E RUTA CABALAR ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN A CRINA

A Asociación Ecuestre A Crina de Cedeira está a impulsar o mundo equino na comarca e en particular o do cabalo de andadura galega coa celebración de xornadas como a que terá lugar hoxe sábado, na que a vila acollerá a 14ª edición da Xuntanza e Ruta Cabalar. O Concello de Cedeira colabora na convocatoria.

O programa, que se desenvolverá no polígono industrial da Trabe, dará comezo coa celebración dunha ruta cabalar polo serra da Capelada, con pinchos incluídos; unha comida, a base de paella, churrasco, pan, bebidas e postres, e a celebración -a partir das catro da tarde- de distintas probas de andadura galega (cronometrada e de calidade), na que se repartirán máis de 700 euros en premios en metálico, ademais de sacos de pienso. Andadura chapeada e serrada son algunhas das modalidades previstas.

A participación na comida ten un custo por persoa de 20 euros e a inscrición para tomar parte nas probas equinas debe facerse antes das dúas da tarde. Para participar é obrigatorio o uso de casco e a organización, pola súa banda, obsequiará aos participantes co sorteo de artículos relacionados con mundo ecuestre. A entrega dos galardóns producirase a piques de finalizar a tarde e o acto estará amenizado pola actuación de Almudena.

Desde a organización invítase aos veciños e visitantes a sumarse á celebración, aínda que non se teña cabalo, ademais de recordar que só en Galicia existe esta modalidade, que ten moitos seguidores en toda a comunidade autónoma.