Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ACOLLE EN MARZO O OBRADOIRO GRATUÍTO DE CREACIÓN DIXITAL “CONSTRUÍMOS UN RELATO”

O vindeiro 1 de marzo comeza o obradoiro en liña “Construímos un relato”, que ten como obxectivo facilitar a creación de contidos dixitais a través das redes de maneira creativa e participativa, de maneira colaborativa e partindo dun tema común, vinculado ao territorio e á veciñanza.

Este obradoiro está especialmente pensado para persoas vinculadas ao tecido asociativo de Cedeira o do veciño Valdoviño, interesadas en incorporar novas maneiras de comunicar e divulgar contidos, así como de crear comunidade, aproveitando as ferramentas dixitais.

O taller forma parte do proxecto Laboratorios Dixitais de Cultura Dixital, que desenvolve obradoiros relacionados co ámbito dixital en varios lugares da provincia. Esta iniciativa, que conta con financiamento da Deputación da Coruña e a colaboración da área de Cultura do Concello, é de carácter gratuíto.

O taller ten como obxectivo que as participantes aprendan facendo e que experimenten xuntas sobre o desenvolvemento dun relato, vinculado á realidade e ao territorio, “escrito” con ferramentas dixitais que neste caso serán pricipalmente as redes sociais.

O obradoiro ten un enfoque práctico e combinará pequenos contidos teóricos, cun acompañamento e titorización no desenvolvemento dun proxecto colectivo e tres sesións, ás 18:30, os días 1, 15 e 22 de marzo. A duración aproximada de cada sesión é de 1h.

Ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro:

https://forms.gle/uVD4Sd2Tc5jDXiqc6

 

 

Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!

Os Laboratorios Itinerantes que desenvolve BenCuriosa ofrecen un segundo obradoiro, neste caso non só en Cedeira-Valdoviño, senón que é común a todos os concellos da provincia da Coruña que participan no proxecto.

Trátase de Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!, unha proposta facilitada pola produtora creativa Illa Bufarda, especialmente dirixida a persoas e entidades con espírito crítico e activista, vinculadas á sensibilización ou defensa de colectivos, espazos e contextos vulnerables.

Este obradoiro ten como obxectivo que as participantes acaden -e poñan en práctica, a través dunha acción colectiva- os coñecementos e destrezas necesarios para desenvolver unha campaña (de comunicación, divulgación, concienciación,…) en base aos criterios da contrapublicidade.

Para isto combinará dúas sesión en liña de 45’ de duración e contidos teóricos en formatos sinxelos audiovisuais, así como propostas prácticas. As participantes contarán co apoio e titorización da equipa de Illa Bufarda en todo o proceso. As datas das sesións en liña serán o 4 e o 25 de marzo, ambas ás 18:30.

Igual que no caso anterior, o obradoiro ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro:

https://forms.gle/rWBpUhH73ndP9Moj9

É posible inscribirse nos dous obradoiros. Se quixerades máis información, podedes dirixirvos a ola@bencuriosa.gal, onde vos aclararán o que precisedes.