Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ACOLLE DESDE ESTE DOMINGO A EXPOSICIÓN LUCES ALÉN DO MAR: AS ESCOLAS DE AMERICANOS EN GALICIA

O Auditorio Municipal de Cedeira acolle a partir deste domingo, día 13, a exposición Luces de Alén Mar: as escolas de americanos en Galicia, na que se recorda, a través de textos e fotografías, o enorme esforzo que realizou a emigración galega ao outro lado do Atlántico por contribuír ao desenvolvemento material e intelectual da súa terra de orixe. Na mostra aparecen moitas das polo menos 250 escolas que fundou e sostivo a diáspora galega nas catro provincias, entre elas a cedeiresa de Piñeiro, creada pola sociedade Hijos del Ayuntamiento de Cedeira na Habana en 1921.

A inauguración da exposición será este domingo, ás 12.30 horas, nun acto que contará coa intervención de Vicente Peña, comisario da exposición. O Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, impulsaron o traballo de recompilación de arquivos e a creación desta exposición itinerante, conformada por preto de medio cento de paneis. Neles percórrese a historia das escolas “indianas” e o seu modelo educativo, que foi unha semente de modernidade naqueles tempos, e fálase tamén da implicación dos galegos en América á hora de construír unha sociedade civil culta e con estima pola súa terra, identidade e cultura.

A mostra poderá visitarse, ata o día 11 de marzo, de luns a venres entre as 09.00 e as 14.00 horas.