Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira abriu hoxe as pistas de pádel e tenis, o campo de fútbol, o polideportivo e a piscina

O Concello de Cedeira informa da apertura, a partir de hoxe, das pistas de pádel e tenis, o campo de fútbol, o pavillón polideportivo e a piscina municipal, está última exclusivamente para uso deportivo.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, entende que a actividade deportiva tamén debe formar parte “da nova normalidade” e destaca os labores de limpeza e desinfección acometidos previamente no conxunto das instalacións, así como as medidas hixiénicas e de prevención ás que están suxeitos tanto o persoal laboral como os usuarios. Máscaras, xel hidroalcohólico e luvas xa están a formar parte do protocolo de seguridade.

Aínda así, o rexedor municipal pide a “máxima responsabilidade por parte de todos” e recorda que existen certas normas como son a cita previa (teléfono 981 482 633) para controlar a capacidade, o cumprimento estrito dos horarios e a prohibición do uso dos vestiarios para evitar posibles contactos. Todas estas cuestións están recollidas nos carteis informativos que o Concello colocou nas instalacións deportivas, que serán sometidas así mesmo a tarefas diarias de limpeza e ventilación seguindo as medidas de seguridade sanitaria e instrucións establecidas nas ordes ministeriais correspondentes.

O horario de apertura ao público do pavillón polideportivo será de luns a venres de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 e sábados de 9.00 a 14.00 horas. O uso das pistas de pádel, tenis e campo de fútbol debará facerse dentro das quendas horarias preestablecidas, que se prolongan ao longo de toda a xornada, de 9.00 a 13.55 e entre as 16.00 e as 22.00 horas. Pola súa banda, as salas de cardio e ximnasio tamén funcionarán mediante o sistema de cita previa e quendas, e mentres que a capacidade para as clases de ximnasia de mantemento e pilates é dun 30% (30 persoas), para a sala de musculación permítese un máximo de 5 persoas por quenda e de 4 no caso da sala de cardio.

A piscina municipal estará operativa en horario de 9.00 a 13.45 e de 16.00 a 21.45. Só está permitido un nadador por rúa por quenda e a zona de duchas permanecerá cerrada, aínda que se poderán usar os vestiarios.

Descarga PDF protocolo de actuación frente á covid-19 en instalacións deportivas