Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

O pleno aprobou o orzamento municipal para este ano, que supera os 6 millóns de euros

O goberno de Cedeira xestionará este ano un orzamento de 6.299.684,12 euros, o que representa un incremento do 11,88% con respecto ao agora vixente (de 5. 630.601euros).

O asunto resultou aprobado na sesión celebrada o xoves pola corporación municipal e saíu adiante cos votos a favor do executivo local e coa abstención do PP e do BNG, un xesto que agradeceu o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, por entender que “todos estamos a traballar na mesma liña nun proxecto social de recuperación para as nosas familias que, por suposto, tamén é o proxecto de todos os partidos que formamos parte da corporación municipal”.

O rexedor municipal destacou así mesmo o traballo que fixo o equipo de goberno á hora de elaborar un orzamento “pensado para cubrir as necesidades sociais dos veciños/as e destinado a axudar ás persoas máis vulnerables e aos sectores máis prexudicados economicamente polo coronavirus. De feito, “as contratacións para persoal de atención ao servizo de axuda no fogar incrementouse máis de 80.000 euros con respecto ao ano pasado para atender aos máis dependentes”, segundo o executivo local. Un plan para combater a emerxencia social de 50.000 euros e outro de 150.000 para axudar a todas aquelas empresas e autónomos que viron a súa actividade paralizada pola pandemia están xa recollidos no documento aprobado o día 4. A dinamización do comercio e da hostalería de Cedeira tamén é outra das prioridades do goberno local e boa mostra diso é o proxecto de dinamización que o goberno prevé contratar en xullo coa entrada en vixencia dos orzamentos agora aprobados.

O goberno cedeirense manterá así mesmo unha política continuísta con respecto ao investimento en saneamento, con preto de 368.000 euros, e tamén no relativo á optimización do sistema de alumeado público, tanto na zona rural como na vila, cun gasto superior aos 143.000 euros para este ano. Adaptar o antigo pazo de Moscoso para acoller dependencias municipais e destinar máis de 100.000 euros á mellora de pistas municipais e desbroces son outros investimentos previstos polo executivo para este 2020, así como a contratación dun Plan de Igualdade e un proxecto de orzamentos participativos para a mocidade. Para este último, o equipo de goberno traballará conxuntamente co alumnado do IES Punta Candieira.

Haberá novos investimentos para continuar coas excavacións no xacemento do Sarridal -un a cargo do Concello e outro financiada para Xunta de Galicia- e, no relativo ao capítulo das subvencións de libre concorrencia para fomentar a cultura e deporte, no documento contable figuran as mesmas cantidades orzamentadas que ano pasado. En canto as axudas directas serán percibidas pola Escola de Música, Museo Mares de Cedeira, Apader, Agrupación local da Cruz Vermella, Asociación sobre Rodas, Asociación polo Benestar Animal (ABAC), Asociación Ecuestre “A crina”, Protección Civil, ANPAs Picapeixe e O beco, Asociación Amigos dos Ríos e Banda de Música Vila de Cedeira. Entre unhas e outras o Concello de Cedeira repartirá un total de 188.300 euros.

Con respecto ao capítulo de ingresos consignase unha baixada de 106.000 euros na recadación dos impostos directos (un 5,05%) pola a parálise da actividade económica pero, polo contrario, aumenta en 124.876,38 euros as transferencias correntes. Nelas se inclúen as achegas da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 e as destinadas á execución de obras. Estas últimas incrementanse un 75,64% respecto ao 2019.

O Goberno publica a orde que fai obrigatorio o uso de máscaras en espazos públicos se non se pode manter a distancia de seguridade

Orden SND/422/2020, de 19 de maio, pola que se regulan as condicións para o uso obrigatorio de mascarilla durante situación de crisis sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a presente orde disponse, con carácter xeral, o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros, sendo recomendable o seu uso para a poboación infantil de entre tres e cinco anos.

Son excepcións a esta obrigación aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada pola utilización da máscara e aquelas que teñan contraindicado o seu uso por motivos de saúde ou discapacidade.
Así mesmo, o seu uso non será esixible no desenvolvemento de actividades que resulten incompatibles, tales como a inxesta de alimentos e bebidas, así como en circunstancias nas que exista unha causa de forza maior ou situación de necesidade.

O previsto nesta orde debe entenderse sen prexuízo da necesidade de seguir cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias relativas ao mantemento da distancia interpersoal, a hixiene de mans e resto de medidas de prevención..

Máis información na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2020-5142

O Concello de Cedeira publica a licitación da obra do centro de interpretación do sarridal

O Concello de Cedeira saca a licitación a obra que transformará o castelo da Concepción no centro de interpretación do xacemento do Sarridal, unha actuación cofinanciada pola Deputación e a administración local que sae a concurso público por un importe de 39.547,64 euros (IVE incluído). Esta actuación responde ao convenio asinado o 19 de abril de 2019 polo alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipación, Xesús Manuel Souto Viveiro, e polo que a Deputación achegará o 80% do investimento.

O rexedor municipal valora a importancia da obra por canto representa “unha considerable mellora dunha construción de especial interese para o conxunto da poboación local, así como a posta en valor das riquezas recuperadas como froito das campañas arqueolóxicas levadas a cabo no Campo do Castro”. A proximidade do castelo e o xacemento tamén suma á hora de facer o conxunto máis atractivo cara ao sector turístico.

O alcalde apunta ao próximo mes de setembro como a data máis probable para inicio duns traballos cuxo prazo de execución é de 30 días. As empresas interesadas dispoñen, a partir de onte, de dez días hábiles para a presentación de ofertas.

As obras consistirán na renovación do conxunto da instalación eléctrica, incluído o cambio de farois, a instalación de luces de emerxencia e unha toma de luz para o sistema de audioguías, así como a colocación dun mostrador para recibir aos visitantes e un total de nove vitrinas para mostrar ao público a riqueza arqueolóxica recuperada na zona do Sarridal.

Neste sentido, cabe sinalar que a zona resultou ser de especial interese arqueolóxico por canto deu lugar á localización da quinta pedra formosa atopada en Galicia, así como dunha serie de restos de cerámica, entre outros obxectos, que confirman que na zona existiu un asentamento galaico-romano que se prolongou no tempo.

O goberno segue a apostar pola recuperación do patrimonio local como valor cultural e de interese para o sector turístico e destaca a riqueza xerada no municipio a partir da iniciativa impulsada pola concelleira do BNG e arqueóloga de profesión, María Xosé Rodríguez.