Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

A SUBDELEGADA DO GOBERNO, MARÍA RIVAS, VISITOU A OBRA DE REXENERACIÓN DAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acompañou onte a subdegada do Goberno, María Rivas, e ao Xefe de Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, nunha visita ás obras de rexeneración das antigas cetarias do Sarridal, que financia o Ministerio de Transición Ecolóxica con 340.600€. Moreda Gil agradeceu o apoio do Goberno na realización destas obras e tamén a súa aposta pola rexeneración da praia da Madalena, un proxecto cun orzamento de 2,3 millóns de euros e que está pendente duns últimos trámites para saír a licitación. “É un dos investimentos máis importantes dos que vai facer o Ministerio de Transición Ecolóxica en Galicia e estamos agradecidos da súa sensibilidade para solucionar un problema, o da dexeneración do noso principal areal, polo que levamos loitanto moitos anos”, comentou o alcalde.

Na visita participaron tamén o enxeñeiro de Demarcación de Costas, Carlos Gil, e un responsable de Tragsa, a empresa que está a executar o proxecto das cetarias, así como os concelleiros de Cultura e Turismo, Facenda e Obras, Carmela Prieto, Manuel Martínez López e Manuel Pérez Riola. Ademais de achegarse aos cantís da cetaria, o grupo tivo ocasión de visitar o xacemento castreño do Campo de Castro, asomarse á praia das Sonreiras e pasear xunto ao Castelo da Concepción. “Todos estes elementos fan de Punta Sarridal un enclave insólito pola concentración de elementos de tanto interese patrimonial, turístico e paisaxístico”, recordou o alcalde, satisfeito porque ese valor vaise incrementar coa recuperación das vellas piscinas de cría e engorde de pescado e marisco.

Recordou Moreda que o goberno local retomou o proxecto de recuperación das vellas cetarias no anterior mandato, sacándoo da parálise na que permanecera desde o ano 2011. Así, o Concello levou adiante o informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas puido someter o proxecto a exposición pública e tramitar a addenda necesaria para subsanar as eivas que tiña a redacción inicial. As obras abranguen tanto a recuperación das estruturas destas piscinas de mar como a adecuación dos accesos e dun mirador na parte alta, no que haberá un panel con información. As cetarias foron construídas nos anos 50 e son testemuño do importante enclave que era xa Cedeira na comercialización de pescado e marisco a puntos de fóra de Galicia.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, e os responsables de Demarcación de Costas tamén intercambiaron impresións sobre o proxecto de rexeneración da praia da Madalena e puideron coñecer sobre o terreo os problemas de desprazamento da area que se producen desde hai anos. “O Ministerio está pendente dunha autorización sectorial para rematar os trámites previos e publicar a licitación destes traballos, que van superar os parches e as solucións parciais anteriores”, comentou o alcalde, Moreda Gil, que expresou a María Rivas e a Rafael Eimil o agradecemento do Concello de Cedeira polo seu interese e compromiso.

 

O CONCELLO INCORPORA AO PRESUPOSTO MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE REMANENTES DO PASADO EXERCICIO

O pleno da corporación cedeiresa vén de aprobar, nunha sesión extraordinaria, a incorporación ao orzamento do presente 2022 de preto de 1,1 millóns de euros dos máis de 2,7 millóns de euros que quedaron de remanentes de tesourería tras o peche do exercicio anterior. Tal como xa sucedera o pasado ano, a ausencia de débeda e a saneada situación económica do Concello permite ao goberno presidido por Pablo Diego Moreda Gil incrementar os recursos para este ano e acometer novos investimentos en diferentes áreas.

Así, a modificación de créditos aprobada, por un valor total de 1.097.840,45€, asigna fondos a 80 novas partidas de gasto para os orzamentos do presente 2022. Tal e como informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, no reparto dos fondos destacan os 265.774,08€ que se van destinar a investimentos financeiramente sostibles; os 236.317,17€ que irán para a área de Cultura, Turismo e Xuventude; os 136.454,24€ que se asignan ao departamento de Deportes e os 55.456,84€ para Educación.

Ademais, o alcalde subliñou que varias das partidas consignadas nesta modificación de créditos van cubrir a achega municipal en proxectos e programas cuxa financiación principal procede doutras administracións, polo que en realidade “significan pagar a parte do Concello dun gasto que é moi superior”. De feito, as achegas municipais para estas convocatorias –Agader, APROL, PEL e outros-, suman algo menos de 100.000 euros e a parte que van financiar outras administracións ascende a máis de 250.000€.

É o caso dun programa para a mellora da xestión dos biorresiduos, ao abeiro dunha convocatoria da Consellería de Medio Ambiente, no que se van gastar máis de 42.000€. Deles, o Concello aporta menos do 10% e recibe o resto de fondos Next Generation. “O goberno local trata de optimizar os recursos propios e aproveitar todas as convocatorias doutras administracións, moitas delas nestes momentos con fondos Next Generation para a recuperación, para así seguir mellorando os servizos e os equipamentos para a cidadanía”, explicou Moreda.

Xunto con estes proxectos, o alcalde recordou que o Concello de Cedeira ten solicitado financiación a través do programa DUS5000, tamén dotado con fondos Next Generation, que de concederse suporán o investimento de outros 2,3 millóns de euros en iniciativas vencelladas á mellora da eficiencia enerxética.

No listado de investimentos que o goberno local poderá acometer con estes fondos destacan obras para a ampliación ou mellora da rede de saneamento, do sistema de iluminación, arranxos de pistas, camiños, beirarrúas, etc. Aparecen tamén, entre moitas outras, partidas para as festas patronais e a organización de campamentos de verán, así como para a contratación de monitores deportivos. Moitas das intervencións dan resposta a demandas presentadas polas asociación de veciños, deportivas ou culturais da vila, coas que o goberno local dialoga e está en estrecho contacto.

O CONCELLO ACOMETE UNHAS OBRAS URXENTES DE REPOSICIÓN DE PARTE DA CUBERTA DO POLIDEPORTIVO

O Concello de Cedeira acaba de contratar unhas obras para a substitución de parte da cuberta do ximnasio do polideportivo municipal, co obxectivo de resolver o problema de filtración de auga que se está a producir nesta parte da instalación. Desde o goberno local informan de que a actuación ten un orzamento de preto de 8.500€ e a actuación se está a executar xa, de maneira urxente, para evitar maiores problemas.

A empresa Ben-Ferreiro acomete a actuación, que consiste na desmontaxe da cuberta e o caleiro actual do ximnasio, o subministro e montaxe dun novo caleiro en chapa de aluminio e subministro e montaxe da cuberta en chapa prelacada, incluída unha parte de doble capa translúcida.

O polideportivo municipal de Cedeira é unha instalación con 30 anos de vida na que o Concello executa habitualmente diferentes obras de mantemento. Estase a tramitar, a maiores, unha intervención valorada en 187.000€ que se vai acometer a través dun convenio de colaboración coa Deputación da Coruña e que vai consistir na reposición do pavimento da pista polideportiva e as zonas anexas e a instalación dun novo marcador.