Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O muro feito na zona da Ribeira garante a seguridade dos peóns e dá estabilidade a unha pista municipal

O MURO FEITO NA ZONA DA RIBEIRA GARANTE A SEGURIDADE DOS PEÓNS E DÁ ESTABILIDADE A UNHA PISTA MUNICIPAL

As condicións meteorolóxicas estaban poñendo en perigo a seguridade das persoas e a estabilidade dunha pista municipal na zona da Ribeira, un feito que levou ao Concello a intervir para consolidar un talude situado a carón da calzada que xa viña dando algún problema. A obra, contratada á empresa Construcciones Rúa Floreal por 5.396 euros, consistiu na construción dun muro de hormigón duns 6,5 metros de longo co fin de conter un tramo da estrutura viaria cuxo trazado vai por debaixo da rasante.

A actuación finalizou hai uns días polo que quedou garantida tanto a circulacións de peóns como a conservación da calzada.

O Concello pide a colaboración de todas as formacións políticas para reivindicar a mellora da estrada 566

O CONCELLO PIDE A COLABORACIÓN DE TODAS AS FORMACIÓNS POLÍTICAS PARA REIVINDICAR A MELLORA DA ESTRADA 566

Crear emprego, favorecer o asentamento poboacional, mellorar a seguridade viaria e tamén a saúde. Estas son as razóns nas que se apoia o Concello de Cedeira para pedir á Xunta de Galicia que realice unha importante inversión na AC-566, única vía de comunicación da vila coa comarca de Ferrol. Son as mesmas que hai uns días explicaron persoalmente o alcalde, Pablo Moreda Gil, e mais a concelleira de Urbanismo, María Xosé Rodríguez, á titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle.

O encontro tivo lugar o pasado martes e nel volveuse a falar, por parte da representante da Xunta, de acometer a mellora integral da estrada en sucesivas fases, dado o elevado custo que precisa a obra. A Consellería de Infraestruturas dispón dun proxecto cuxo orzamento de execución é de 14 millóns de euros para o conxunto da estrada. A proposta da Xunta, da que xa se ten falado co Concello, pasa por comezar a obra cunha primeira intervención no tramo coñecido como o das curvas de Landeira, un traxecto de algo máis de dous quilómetros de moi difícil trazado. O orzamento estimado para a súa execución ascende a 4,3 millóns de euros.

O equipo de goberno non ten problema en empezar por un ou outro tramo sempre que o resultado final sexa a mellora tanto da seguridade das persoas que circulan pola vía como da calidade de vida dos veciños de Cedeira. A estrada, segundo apuntou o alcalde, é fundamental para xerar emprego, para evitar a perda de poboación e, en xeral, para garantir o futuro económico e social da vila, así como para que resulte moito máis curta unha viaxe en ambulancia ata o complexo hospitalario de Ferrol.

Por esta cuestión, o equipo de goberno invita a todas as formacións políticas con presenza no concello, teñan ou non representación municipal, a que participen dunha reivindicación que ten como obxectivo alcanzar un ben común tan importante como é, no caso de Cedeira, ter unha vía de comunicación adaptada ás necesidades da xente. O executivo local advirte de que non ten intención de abandonar a loita para conseguir que dentro do actual mandato comece, aínda que só sexa co inicio dos trámites, o proxecto de mellora da citada estrada.

A titular da Consellería de Infraestrutura e Vivenda comprometeuse a seguir falando do tema nunha nova entrevista, que non se prevé que sexa antes dos primeiros meses do 2017.

Costas leva a cabo a reposición da tarima de madeira do paseo marítimo

COSTAS LEVA A CABO A REPOSICIÓN DA TARIMA DE MADEIRA DO PASEO MARÍTIMO, NO TRAMO DO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO

Operarios da empresa Tragsa traballan estes días na reposición duns 20 metros de tarima de madeira do paseo marítimo de Cedeira, no tramo do colexio Nicolás del Río. Esta tarefa, que impide o paso pola zona, está incluída dentro das intervencións que a Demarcación de Costas en Galicia leva a cabo no municipio despois de ter consensuados algúns contidos do proxecto coa Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira.

A actuación que agora se fai consiste na reposición do taboado que se atopa en mal estado e se acomete despois da levada a cabo na zona dunar, que foi a que se convertiu no cabalo de batalla entre os membros da plataforma e os responsables do Ministerio de Medio Ambiente (Demarcación de Costas é un organismo estatal). Despois de comprometerse a xestionar un estudio de impacto ambiental da ría e de moderar algunhas das intervencións inicialmente previstas -a estabilización do perfil da duna quedou en 20 graos e a cima de coroación é de +10-, Costas puxo en mans da empresa Tragsa a realización do proxecto, que tamén incluíu a retirada de plantas invasoras, a plantación doutras autóctonas e a apertura dos regatos de San Isidro e A Revolta.