Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

A XUNTA DE GOBERNO APROBA AS NOVAS CONVOCATORIAS DE AXUDAS PARA ENTIDADES SOCIOCULTURAIS E DEPORTIVAS

A Xunta de Goberno Local de Cedeira aprobou as bases reguladoras para facer as novas convocatorias de subvencións para entidades e asociacións socioculturais, por unha banda, e deportivas por outra. Como en anos anteriores establécense en cada unha delas os apartados de actividades e investimentos e están dotadas con 36.000 euros respectivamente. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, resaltou unha vez máis a importancia que ten para Cedeira a dinámica de participación e convivencia que impulsan as asociacións, axentes activos da integración, a igualdade, a cultura… e intermediarios indispensables entre o goberno municipal e a cidadanía. Destacou tamén a importancia do deporte na localidade, non so polos éxitos e medallas que chegan das competicións, senón porque é unha escola de hábitos saudables e dun ocio san para a infancia e a mocidade.

Un extracto de cada unha das convocatorias sairá publicada proximamente no BOP, momento no que se abrirá un prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes. Ambas as dúas resolveranse polo procedemento de concorrencia competitiva, baremando os criterios establecidos. Tamén nos dous casos, o apartado de actividades está dotado con 30.000€ -cun máximo de 7.000€ de subvención por entidade- e o de investimentos con 6.000€.

No caso das asociación socioculturais, os gastos subvencionables no apartado de actividades son a compra de trofeos, material non inventariable e funxible, desprazamentos para participar en eventos, alugamento de locais e materiais, pago a persoal, facturas de mantemento como o teléfono, a luz, etc., seguros, cartelería e outros traballlos de divulgación das actividades. O apartado de investimentos, vai dirixido a subvencionar a compra de material inventariable relacionado coa actividade da asociación por importe igual ou superior a 100€.

Os criterios para a concesión destas subvencións son o fomento da participación feminina, o número de socios, a antigüidade, o feito de contar con local propio ou en aluguer, a realización de propostas para a zona rural, a menor cota mensual, o número de actividades, a contratación de persoal, a colaboración con outras entidades, os desprazamentos e o uso do galego.

No caso das bases para entidades e clubes deportivos, as axudas van para sufragar os gastos de compra de trofeos, material non inventariable, gastos de desprazamento e aloxamento para ir a competicións, aluguer de pistas deportivas, gastos federativos, de arbitraxes, nóminas do persoal técnico, carteis e outros materiais de difusión de eventos deportivos, seguros e outros gastos de mantemento como a luz, a auga, etc. serán para a compra de material inventariable, relacionado coa actividade deportiva do club, por importe igual ou superior a 100€.

O baremo neste caso avaliará o número de nenos e nenas que toman parte nas escolas de deporte base, a participación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual e o uso da lingua galega, entre outras cousas. Este ano, por primeira vez, tamén puntúa o emprego da imaxe do Concello e do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal na vestimenta, indicando as bases que para o ano que vén será obrigatoria esta condición para aquelas entidades que renoven este equipamento.

PUBLICADAS AS BASES DE SELECCIÓN DO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN 2022 DO CONCELLO DE CEDEIRA

Este campamento de verán ten a finalidade de facilitar unha alternativa de ocio para as nenas e nenos promovendo así a conciliación familiar durante os meses de vacacións estivais.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 23 de xuño incluído, que son 10 días hábiles a contar a partires do día seguinte ao da publicación das presentes bases no taboleiro de anuncios dixital.

As solicitudes deberán ser asinadas polo pai, nai ou titor legal do menor e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou polos medios establecidos no artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Inscrición:

  • En liña a través da sede electrónica do Concello.
  • Presencial no rexistro municipal.

Na seguinte ligazón pode consultarse o texto íntegro das bases, descargar a ficha de inscrición e o modelo de autoliquidación:

DESCARGAR PDF Bases de selección do campamento urbano de verán 2022 do Concello de Cedeira

DESCARGA PDF Modelo de autoliquidación de precio público campamento urbano

DESCARGA PDF Ficha de inscrición campamento urbano

CAMPAÑA DE VERÁN 2022 (XUNTA DE GALICIA)

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso para a conciliación da vida familiar e laboral.

baixa o lema O verán que queres contar, a Campaña de Verán de 2022 da Xunta de Galicia recupera a normalidade tras a Covid-19 e oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia.
  • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades.

Máis información na seguinte ligazón:

IR Á CAMPAÑA DE VERÁN 2022