Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O CONCELLO DESTINA 34.500€ AOS CONVENIOS COAS ASOCIACIÓNS DE PAIS E NAIS, A BANDA DE MÚSICA E A CRINA

A Xunta de Goberno Local aprobou recentemente novos convenios nominativos de colaboración con outras catro asociacións da vila. A finalidade é contribuír a financiar as súas actividades e gastos de funcionamento, dado que o traballo de todas elas enriquecen a vida cultural e social da vila. As asociacións de nais e pais de alumnado do colexio e o instituto de Cedeira, así como a Asociación Cultural Banda de Música Vila de Cedeira e a asociación A Crina, todas elas entidades cunha longa traxectoria e moi arraigadas na localidade, son as destinatarias dos novos convenios.

No eido educativo, a ANPA do CEIP Nicolás do Río recibe 10.000€ e a ANPA O Beco, de pais e nais de alumnado do IES Punta Candieira obtén outro tanto. Ambas as dúas entidades son activas organizadoras de actividades extraescolares, que facilitan a conciliación da vida laboral e familiar, así como de outras en horario escolar en colaboración cos centrros educativos e mesmo propostas como a escola de pais que van dirixidas a facilitar modelos e pautas para mellorar o coidado e educación dos fillos e fillas.

Outro dos convenios é o da Asociación Cultural Banda de Música Vila de Cedeira, entidade á que o Concello destina 11.000€. A aportación vai para financiar ensaios e actuacións, a propia xestión da banda de música, a organización de eventos e actividades formativas. A Banda de Música Vila de Cedeira é un expoñente da fonda tradición musical da localidade e conta cunha longa traxectoria e recoñecemento en toda Galicia.

Por último, a asociación A Crina vai contar cun novo convenio dotado con 3.500€. A entidade promove actividades relacionadas co mundo do cabalo como rutas e concursos hípicos que potencian o interese turístico da Serra da Capelada.

Estes convenios súmanse aos que xa foron asinados no presente exercicio con Apader (10.000€), ABAC (12.000€), San André de Teixido (3.500€), a Confraría de Pescadores (12.000€), Protección Civil (18.000€), Cruz Vermella (3.800€), Sobre Rodas (6.000€), Asociación Mares (20.000€) e ARCE (5.500€), así como á aportación de 37.000€ que este ano destina o Concello á Asociación Escola de Música Vila de Cedeira -no marco do acordo, por catro anos de vixencia, asinado en 2020-. En total, 14 convenios que suman 153.300€ do orzamento municipal.