Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Consorcio aproba os proxectos básico e de execución que darán lugar á ampliación da escola infantil de cedeira

O CONSORCIO APROBA OS PROXECTOS BÁSICO E DE EXECUCIÓN QUE DARÁN LUGAR Á AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, e o titular de Educación, Robustiano Labraña, reuníronse hoxe co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para seguir avanzando na resolución dos trámites que darán lugar á ampliación da escola infantil.

Como resultado do encontro cabe destacar a aprobación por parte do Consorcio dos proxectos básico e de execución realizados polo Concello en base ás directrices marcadas desde o propio Consorcio, así como o compromiso, por ámbalas dúas partes, de manter un novo encontro a mediados do próximo mes para fixar os termos do convenio para acometer as obras. A actuación está valorada en 141.000 euros, dos que o Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e mesmo tamén da ampliación da gardería. Nesa nova xuntanza, o representante da Xunta xa ten previsto presentar un borrador do convenio.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, non ocultou a súa satisfacción de ver como segue a andar unha das prioridades do equipo de goberno para o presente mandato, ademais de destacar que tanto por parte da Xunta como do executivo local “se están a cumprir os compromisos” que farán posible que a vila teña unha escola infantil en función das necesidades reais das familias. Moreda destacou a implicación neste proxecto do goberno local, que foi quen de modificar de uso da propiedade para evitar calquera atranco, e reiterou que o Concello asumirá a financiación da súa parte con cargo aos orzamentos do próximo ano, mentres que a Xunta ten previsto facelo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A ampliación da escola infantil suporá engadir un total de 105 metros cadrados máis ás actuais instalacións coa ocupación dun segundo edificio de propiedade municipal e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no edificio en uso construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuidor e un acceso á primeira planta. O proxecto complétase con cambios tamén no exterior da escola infantil, entre outros, novos accesos e a creación de máis espazos de xogos.

Cedeira súmase á campaña “En Negro” con cartelería e un vídeo

CEDEIRA SÚMASE Á CAMPAÑA “EN NEGRO” CON CARTELERÍA E UN VÍDEO

O reparto de carteis polos establecementos da vila e a edición dun vídeo que xa se pode ver na páxina web institucional (www.cedeira.gal) son algunhas das accións que o equipo de goberno está levando a cabo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A estas iniciativas cabe engadir a adhesión de Cedeira á campaña “En Negro” promovida polo Concello de Santiago e que onte reunía no Pazo de Raxoi a representantes de 78 administracións públicas de Galicia nun acto que contou coa presenza do alcalde, Pablo Moreda Gil. A idea consiste en trasladar ás rúas unha problemática que en cifras este ano xa deixa 44 mulleres e sete menores asasinados.

Inicio dos cursos de informática orientados a persoas maiores

INICIO DOS CURSOS DE INFORMÁTICA ORIENTADOS A PERSOAS MAIORES

Mañá 16 de novembro, comezan os cursos de informática, orientados a persoas maiores. Nesta edición apuntáronse 92 persoas das cales 17 quedarán en lista de espera. As ubicacións para os cursos son a aula multiusos ubicada no polideportivo municipal, os locais das asociacións de veciños de Esteiro e Montoxo e o local social da Asoc. Cultural Tarroiba de Santalla. Os contidos e duración serán os mesmos para os catro cursos.