Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Concello firmou onte en Santiago o convenio para a ampliación da escola infantil

O CONCELLO FIRMOU ONTE EN SANTIAGO O CONVENIO PARA A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

O goberno de Cedeira vén de firmar o convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para que a ampliación da escola infantil sexa unha realidade cara ao curso 2019-2020.
No acto déronse cita na mañá de onte en Santiago o titular da Consellería, José Manuel Rey Varela, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e, por parte do Concello, o alcalde, Pablo Moreda Gil, e os concelleiros de Educación e Cultura, Robustiano Labraña e María Xosé Rodríguez Pérez, respectivamente.

O alcalde, ademais de valorar o acordo que acababa de asinar, adiantou que a idea que baralla a Xunta é sacar a licitación a obra ao longo do próximo mes de setembro e recordou así mesmo que se trata dun investimento de 141.337,70 euros, do que o Consorcio desembolsará 100.000, mentres que o montante restante corresponderalle ao Concello. As obras proxectadas permitirán aumentar a oferta do centro en 20 prazas, ao pasar de 58 (4 unidades) a 78 prazas (5 unidades), elevando a taxa de cobertura para nenos de 0 a 3 anos no municipio e paliando a lista de agarda de 21 nenos. Moreda Gil considerou que o acordo alcanzado coa Xunta “é un importante logro, cuxo éxito lle corresponde a todo o pobo, e que responde a unha necesidade moi demanda e que agora será moi ben recibida por pais con fillos menores de tres anos”.

O alcalde lembrou especialmente aos pais que, cunha campaña de recollida de sinaturas, foron quen de mobilizar a todo un pobo a prol dunha demanda tan xusta como necesaria.

A obra consistirá na ocupación dun segundo edificio anexo ao actual e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no actual edificio construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuídor e un acceso á primeira planta.

Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituila por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xenerando a construción dunha nova rampa e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.

O pleno aproba o convenio para ampliación da escola infantil

O PLENO APROBA O CONVENIO PARA AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

O goberno confía que a obra poida ser unha realidade cara ao curso escolar 2018-2019.

O pleno vén de aprobar o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Cedeira para a ampliación e reforma da escola infantil, unha reivindicación do equipo de goberno e máis dun grupo de nais e pais “que fixeron unha recollida de sinaturas moi importante para que este proxecto puidese saír adiante”, tal e como recordou o alcalde, Pablo Moreda Gil, no transcurso da sesión plenaria.

O alcalde tamén aproveitou a súa intervención para recriminar ao anterior goberno a súa falta de colaboración en relación a todo este asunto. “Botamos de menos”, apuntou Moreda Gil, “que ningún membro do anterior executivo do PP nos informase dos traballos previos ou se os tiñan feito”, ao que tamén acusou de utilizar electoralmente o asunto durante a campaña do ano 2015 sen ter realizado trámite algún diante da Xunta. Polo contrario, o presidente da corporación cedeirense quixo agradecer o traballo realizado polos seus compañeiros de goberno e por parte
dos funcionarios do Concello, así como o esforzo das traballadoras da Escola Infantil “para que hoxe teñamos a posibilidade de aprobar esta proposta de convenio tan demandada por todos”.

O goberno municipal confía en que a obra subscrita a esta colaboración co Consorcio poida ser unha realidade cara ao curso escolar 2018-2019 “dada a demanda e necesidade que existe”.

O executivo local permañece estos días á espera de que o Consorcio fixe a data para asinar un acordo, “un obxectivo para o que este grupo de goberno está a traballar desde o día 27 de xullo de 2015”.
O acordo aprobado onte compromete ao Concello a redactar e aprobar o proxecto básico e de execución da reforma e ampliación da escola, así como a asumir a dirección dunha obra orzamentada en 141.337,70 euros. Deste importe, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará en dúas anualidades a cantidade de 100.000 euros, mentres que o Concello contribuirá con 41.337,70 euros.

Para os efectos e seguimento e control das actuacións previstas neste convenio, crearase unha comisión, da que formarán parte representantes das partes asinantes nun acordo que estará vixente ata o día 31 de decembro de 2019.
As actuacións incluídas no convenio son as seguintes:

-Na escola existente: Un aseo de uso público, un despacho, un aseo con cambiador e unha sala de profesores.

-Obra de ampliación: un aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para menores, un cuarto de limpeza-lavandería, cociña, despensa, distribuidor, hall e acceso á primeira planta.

Ademais, o acceso actual ao edificio novo integrarase na amplación da escola como saída de emerxencia, polo que é necesario habilitar unha nova entrada para chegar á planta primeira deste modulo. Para entrar ao edificio, proxéctase modificar o acceso á parcela xenerándose unha nova rampa e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Tamén se amplía o patio do colexio, polo que haberá que adaptar os enreixados existentes ás novas disposicións.

Cedeira clausura ata setembro o obradoiro de memoria

CEDEIRA CLAUSURA ATA SETEMBRO O OBRADOIRO DE MEMORIA

Cunha pequena celebración finalizaba esta semana o obradoiro de memoria promovido polo Concello de Cedeira “para contribuír á socialización dos maiores e para que saian das súas casas durante o inverno, que é longo”, tal e como apunta a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Manuela López Rodríguez.

López Rodríguez valora o índice de asistencia e participación, “superior ao do ano pasado” e recorda que se trata de actividades que se convocan dúas veces ao ano -de xaneiro a xuño e de setembro a decembro- e que se celebran en Cedeira, Sisalde, Montoxo, Santalla e Esteiro para que poida chegar ao maior número de persoas interesadas.

A concelleira tamén anuncia a continuidade do programa cara ao próximo curso e destaca os resultados que se desprenden dunha actividade que estimula a memoria e coa que tamén se traballa a atención, a capacidade de concentración e as funcións cognitivas en xeral.