Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

Bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

A Xunta de Galicia ven de publicar a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento SI437A).

As asociacións que estean interesadas teñen de prazo para a presentación das solicitudes ata o 9 de febreiro, un mes contado a partir do día seguinte á publicación no DOG da antedita resolución. Pode consultar a publicación do DOG na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Pode acceder a sede electrónica da Xunta na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Sede electrónica da Xunta de Galicia

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á xefatura territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

O boletín “As7parroquias” xa está na rúa con informacións de moi diferente contido neste primeiro número do outono

O BOLETÍN “AS7PARROQUIAS” XA ESTÁ NA RÚA CON INFORMACIÓNS DE MOI DIFERENTE CONTIDO NESTE PRIMEIRO NÚMERO DO OUTONO

O Concello de Cedeira xa está a repartir o boletín “As 7 Parroquias”, unha publicación institucional para informar aos/ás veciños/as dos asuntos que poden ser do seu interese e así poidan coñecer aínda mellor a realidade cultural, social e municipal da poboación na que viven.

Neste último número a veciñanza ten moitas noticias, desde as intervencións que está a acometer o equipo de goberno na recta final do ano ata os pormenores da reforma do edificio da biblioteca para facelo accesible para todos, ademais de ser un proxecto innovador noutros moitos aspectos.

A reportaxe sobre o labor que desde hai anos realiza a Asociación de Pais e Nais Picapeixe do colexio Nicolás del Río tamén axuda a comprender mellor a importancia destas entidades á hora de detectar necesidades, crear recursos e reclamar ante as administracións.

O boletín de outubro recolle así mesmo a iniciativa do Concello en materia de normalización lingüística coa intención de introducir o galego no sector da hostalería e nas familias. A mobilización en demanda dunha sanidade pública de calidade tamén ten un oco nunha publicación na que se dá conta, ademais, das campañas de limpeza ás que foi sometido o río Condomiñas, de que o equipo de goberno xa ten listo o proxecto básico e de execución para a ampliación da escola infantil e das previsións que apuntan que ata o ano 2018 levarase investido en Cedeira máis dun millón de euros en obras de saneamento.

Pode consultar o novo número de “As 7 Parroquias” na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Boletín nº 8 “As7parroquias” novembro

Cedeira diminúe a presión fiscal sobre as familias rebaixando os tipos de gravame

CEDEIRA DIMINÚE A PRESIÓN FISCAL SOBRE AS FAMILIAS REBAIXANDO OS TIPOS DE GRAVAME

Tres foron os asuntos aprobados por unanimidade polo pleno de Cedeira celebrado o pasado martes, o que leva ao equipo de goberno a pensar que “debemos estar facendo algo ben o noso traballo para que ata a oposición vote a prol das nosas propostas, tal e como está a suceder nas últimas sesións plenarias”. A desta semana tiña carácter extraordinario.

No primeiro punto, a corporación tomou o acordo de aprobar a resolución pola que o goberno local garante unha achega provincial, por importe de 158.806,51 euros, con cargo ao POS 2017 para acometer obras de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal. Trátase de intervencións incluídas no plan municipal de mellora da rede de saneamento e cuantificado en 1,1 millóns de euros ata o ano 2018.

O segundo asunto foi o relativo á política fiscal coa que o goberno municipal trata de reducir a presión sobre as familias a raíz do “catastrazo do ano 2013”. “Un erro que agora está a recoñecer o PP ao votar a prol de reducir os tipos de gravame dos inmobles urbanos e rústicos para tratar de compensar a suba dos valores catastrais”, segundo se apuntou desde o executivo cedeirense. Así, no caso das vivendas urbanas, o tipo pasará do 0,50% ao 0,48% e, no das propiedades rústicas, queda no 0,42% cando antes estaba no 0,46%.

Por último, a corporación tamén aprobou o cambio de uso da propiedade que dará lugar á ampliación da escola infantil, unha decisión coa que “se dá carpetazo definitivo a todo que que tiña que facer o Concello de Cedeira”, segundo o equipo de goberno. O acordo recoñece como uso principal o de equipamento sanitario asistencial e como complementario o de equipamento sociocultural. Os responsables municipais entenden que agora lle toca ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar seguir avanzando na realización do proxecto para que Cedeira poida ter as prazas de gardería que realmente necesita. “Nós xa fixemos o que tiñamos que facer para que a ampliación da escola infantil se poida levar a cabo”, apuntan.