Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

Aberto o prazo de matrícula na escola de música Pro-Cedeira

ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA DE MÚSICA PRO-CEDEIRA

A Asociación Cultural Pro-Cedeira vén de abrir o prazo para a matrícula na escola de música, do 7 ao 18 de setembro en horario de 17.00 h a 19.00 horas no Escolar de Piñeiro (matrícula gratuita)

Impartiranse entre outras, as seguintes especialidades: solfeo, percusión, guitarra clásica, guitarra eléctrica, canto, saxofón, laud, mandolina, bandurria, trompeta, bombardino, grupo de cuerda, grupo de rock, piano, e moito máis.

Desde a asociación chaman a todos os interesados e interesadas a divertirse aprendendo música e poder formar parte da banda de música, Big-Band, Rondalla e Coro da asocación.

Veciños, políticos e profesionais da sanidade pública volveron esixir máis persoal para o centro de saúde

VECIÑOS, POLÍTICOS E PROFESIONAIS DA SANIDADE PÚBLICA VOLVERON ESIXIR MÁIS PERSOAL PARA O CENTRO DE SAÚDE

Onte, como xa tiña pasado o día 11 de outubro do ano pasado, a veciñanza de Cedeira, máis os políticos e o persoal do centro de saúde volveron ocupar a rúa Zumalacárregui para denunciar as carencias que afectan ao centro médico e para esixir dos responsables do Sergas que lles dea unha solución. Tamén se atopaban presentes membros da plataforma “PACs en guerra” nunha concentración que arrincou pasadas as 11.30 horas.

O equipo de goberno recordou que o número de médicos pasou de cinco a tres no último mes e que este ano se está a repetir a situación de compartir con Valdoviño a consulta de pediatría, polo que no caso de Cedeira queda reducida a tres horas os martes e xoves.

Esta situación, que tamén está a xerar listas de espera de ata sete días, responde “á política de recortes que se está aplicar desde a Xunta”, e está a afectar tanto aos profesionais da medicina como aos propios usuarios da sanidade, di o goberno local. Ademais de esixir que a sanidade sexa pública, universal e gratuíta, os responsables municipais de Cedeira lembraron aos presentes a importancia de presentar reclamacións, “porque fan forza”, e apuntaron que as urxencias no PAC aumentaron un 40% nos últimos dez anos a pesares da perda de poboación duns 700 veciños no mesmo período de tempo.

Desde a plataforma “PACs en guerra” agradeceuse a resposta da veciñanza porque axuda a “forzar que muden as cousas” e a que os profesionais da saúde pública poidan ter unhas condicións dignas. Neste sentido, apuntouse que o 70% do tempo anual o PAC ten unha cobertura sanitaria de mínimos, un dato que, segundo aos membros da plataforma, foi o que deu lugar á situación vivida hai uns días no Punto de Atención Continuada da Estrada, onde morreu un home. O acto pechou con aplausos e algúns berros esixindo médicos.

O goberno de Cedeira convoca unha concentración pola situación que se está a vivir no centro de saúde

O GOBERNO DE CEDEIRA CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN POLA SITUACIÓN QUE SE ESTÁ A VIVIR NO CENTRO DE SAÚDE

O goberno de Cedeira convoca para ás 11.30 do próximo martes, día 14 de agosto, unha concentración diante do centro de saúde. As razóns son as mesmas que motivaron una mobilización en outubro pasado: a falta de persoal suficiente para atender o incremento de poboación que se produce durante os meses de verán. A anterior mobilización foi secundada masivamente pola veciñanza, políticos e facultativos.

O executivo local entende que o “Sergas lonxe de actuar en consecuencia, non é quen de prevelo nin de remedialo” e considera totalmente insuficiente que “tanto na segunda quincena de xullo como na primeira de agosto, o centro de saúde de Cedeira ten tres médicos para cubrir as cinco prazas e un pediatra a media xornada dous días á semana compartido con Valdoviño, así como unha media de sete días para unha cita de atención primaria”. Os responsables municipais reivindican que se cubra a falta de persoal, un servizo de pediatría continuado e que desaparezan as listas de espera.

O goberno municipal, ademais de recordar o acontecido recentemente no PAC da Estrada, invitan tanto aos veciños como aos visitantes a tomar parte na concentración “porque non estamos polo labor de aturar máis esta situación que afecta tanto aos profesionais que traballan no centro como aos seus usuarios”, recordando que estes son a poboación permanente e tamén a esporádica.