Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

Presentación do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal

Cedeira foi onte o escenario da xornada sobre como o proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal pode ser un axente dinamizador do turismo e do desenvolvemento sustentable.

Durante esta, a veciñanza de Cedeira tivo a oportunidade de coñecer de primeira man aspectos relacionados con este proxecto, como que implica ser un xeoparque, os beneficios que pode carrexar a súa implementación ou casos de boas prácticas noutros territorios que xa son recoñecidos como xeoparque.

Agora é o momento de que a poboación local participe deixando as súas ideas, opinións e suxestións sobre o proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal. Non queremos perder a oportunidade de que os veciños e as veciñas de Cedeira compartan todas as súas propostas.

Para facelo só hai que entrar e cubrir o seguinte formulario: http://bit.ly/entidadesXornadasInformativas

Concentración de profesionais de atención primaria no Centro de Saúde de Cedeira

O concello de Cedeira invita a veciñanza a sumarse á concentración de profesionais de atención primaria no Centro de Saúde de Cedeira, o vindeiro mércores 27 ás 12.00 h.

Convocatoria:

As asembleas de áreas sanitarias galegas ratificaron o pasado 13 de novembro a convocatoria de folga de persoal médico para os días 27 e 28 de novembro en defensa da Atención Primaria despois de acordar os paros o pasado día 6 noutra reunión “por unanimidade” cos mesmos puntos da folga de xuño porque “segue igual”.

Por iso, reivindican un límite de 30 pacientes por día en consulta; unha xerencia de xestión de Atención Primaria; un orzamento para este nivel asistencial do 25 por cento do total; cobertura do 100% das substitucións, a OPE de todas as vacantes de todas as categorías e unha atención homoxénea nas áreas, con mesmas derivacións e acceso a probas diagnósticas. De seguir sen cambios, avanzaron que van continuar “” coas mobilizacións.

Apoios:

Pola súa banda, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) expresou, nun comunicado, o seu apoio ás demandas expostas pola Asemblea de Áreas Sanitarias en defensa da Atención Primaria, “porque se atopa nunha situación’ crítica que levou á convocatoria da folga” e das mobilizacións dos próximos días 27 e 28 de novembro.

Deste xeito, CESM Galicia cualificou de insoportable “” a presión asistencial que sofren os médicos de familia, “con axendas de ata 40 e 50 pacientes ao día e unha presión asistencial desde hai anos que elevou considerablemente os cadros de tensións e ansiedade que presentan estes facultativos”, abundou.

Tamén a Comisión de Centro de Atención Primaria da EOXI A Coruña manifestou nun comunicado o seu “apoio ás reivindicacións de todos os compañeiros dos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada da área”. Así, manifestou o seu apoio ás mobilizacións dos médicos de familia e pediatras deste nivel asistencial.

“Reclamamos que se implanten medidas de forma inmediata que melloren as condicións laborais de todos os profesionais que traballen na área sanitaria”, concluíron.

Cedeira convoca á veciñanza a unha concentración con motivo do 25 n

O Concello de Cedeira fai un chamamento ao conxunto da poboación local a participar o próximo luns na concentración que, con motivo do 25 N, se celebrará a partir das 12.00 horas na praza do Concello.

Ademais, pídeselles aos asistentes que acudan vestindo de negro, como símbolo de loito e de loita ante todo tipo de violencia contra as mulleres.

O acto consistirá na lectura participativa dun manifesto, nun minuto de silencio polas vítimas e rematará cunha actuación musical.

Todo o conxunto da corporación municipal considera necesario darlle visibilidade á loita contra a violencia machista como método de denuncia e reivindicación do conxunto da sociedade ante unha lacra que só este ano acabou coa vida de 50 mulleres e coa de máis de 1.000 desde que no 2003 comezaron a contabilizarse.