Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

MATERIAL DEPORTIVO, CENTRO MUSICAL E PARQUE CANINO, ENTRE AS PROPOSTAS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira ten listas xa catro propostas para os Orzamentos Participativos de Cedeira que serán sometidos a votación en asemblea o vindeiro día 26. A terceira edición deste proceso democrático, no que o Concello reserva 20.000€ das súas contas para investilos no que decidan os mozos e mozas do instituto, culminará o 5 de maio nun pleno extraordinario no que eles defenderán a súa proposta final e que servirá tamén para aprobar a constitución do Consello Local da Infancia e Adolescencia.

Un total de 47 alumnas e alumnos de 3º de Secundaria foron este ano os implicados no proceso de Orzamentos Participativos, que se desenvolve por terceiro ano consecutivo en Cedeira. Nos últimos meses recibiron formación sobre a elaboración de proxectos, diagnóstico do territorio e funcionamento da administración municipal e as súas competencias. Pasaron despois a elaborar propostas de gasto que, como xa sucedeu en anos anteriores, están moi centradas no eido do deporte e na programación de actividades culturais. A concelleira de Participación Cidadá e Xuventude, Carmela Prieto, destaca a excelente experiencia que supón este proceso “para os rapaces e rapazas, porque coñecen en primeira persoa os procedementos e condicionantes que ten o goberno local para sacar adiante calquera iniciativa, e tamén para os propios políticos, porque podemos escoitar directamente as demandas das novas xeracións”.

Finalmente, as propostas viables que serán elevadas á asemblea de votación do vindeiro mércores son as seguintes:

 CEDEIRA RESPIRA DEPORTE / ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO DEPORTIVO PARA O XIMNASIO MUNICIPAL, por importe de 22.602,47€. Na proposta inclúense varios xogos de halteres, ketlebel ou pesas rusas, moble de baldas para gardar este material e 8 máquinas para o fortalecemento de diversos músculos e partes do corpo (dorsais, abductores, femorais, glúteos, deltoides, etc.)

 LUZ NO SKATE BOWL, consistente nun punto de iluminación para o paseo marítimo na zona do skate bowl (2 proxectores de luz instalados nunha columna) por importe de 4.694,05€.

 CENTRO MUSICAL, coa adquisición de equipamentos musicais e para poder gravar cancións, coa idea de formar grupos musicais ou bandas por importe de 5.000,00€

 PUPPY PARK ou construción dun parque canino na Rúa Ortigueira 16, con valado de madeira para peche e porta de dobre acceso, cartel indicativo en poste de madeira. Inclúe a instalación de varios módulos, como slalom, módulo de pasarela, de roda de detención e túnel para cans, ademais de papeleira. Esta iniciativa vai á asemblea por importe de 26.065,99€

Aínda que algunhas destas propostas exceden da cifra de 20.000€ reservada aos Orzamentos Participativos, o Concello de Cedeira decidiu incorporalas igualmente. Outras non chegaron a esta fase final por estar xa en proxecto ou mesmo en funcionamento e algunhas quedaron fóra por ser inviables técnica ou economicamente, como unha nota piscina municipal, a creación dun carril bici, unha boleira ou unha pista de karts.

A asemblea do vindeiro día 26 celebrarase no salón de actos do IES Punta Candieira. O alumnado elixirá a representación que vai levar diante do pleno da corporación municipal o resultado da súa votación, o vindeiro 5 de maio.

PUBLICADAS AS BASES DAS SUBVENCIÓNS CULTURAIS, DEPORTIVAS E COMISIÓNS DE FESTAS

O BOP ven de publicar as bases das subvencións para as entidades deportivas, asociacións socioculturais e comisións de festas .

Nas seguintes ligazóns pode accederse aos textos íntegros das bases das subvencións:

IR Á LIGAZÓN BASES DAS SUBVENCIÓNS PARA AS ENTIDADES SOCIOCULTURAIS
➡️ https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2023/04/BASES-LIBRE-CONCORRENCIA-CULTURAIS-2023.pdf

IR Á LIGAZÓN BASES DAS SUBVENCIÓNS PARA AS ENTIDADES DEPORTIVAS
➡️ https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2023/04/BASES-LIBRE-CONCORRENCIA-DEPORTIVAS-2023.pdf

IR Á LIGAZÓN BASES DAS SUBVENCIÓNS PARA A COMISIÓN DE FESTAS
➡️ https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2023/04/BASES-COMISIONS-DE-FESTAS-2023.pdf

Máis información:
https://cedeira.gal/subvencions-municipais

ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA QUE AS COMISIÓNS DE FESTAS PARROQUIAIS SOLICITEN AS AXUDAS DO CONCELLO

As comisión das festas parroquiais de Cedeira poderán optar un ano máis a axudas municipais para sufragar a organización dos concertos e outras actividades. O Concello vén de aprobar as bases da convocatoria, dotada con 4.000€, e as entidades poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 3 de maio.

As axudas poden chagar a cubrir o 100% do proxecto de actividades que presente a comisión de festas, que deberá ter unha póliza de responsabilidade civil, entre outros requisitos. Todos os gastos deberán ser debidamente xustificados coas correspondentes facturas.

Desde o Concello recordan que tamén está aberto o prazo de solicitude das axudas para entidades socioculturais e clubes deportivos. Unha vez que as correspondentes convocatorias foron publicadas na Base Nacional de Datos de Subvencións, o prazo está aberto ata o vindeiro 3 de maio.