Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA FINANCIAR O 80% DA AMPLIACIÓN DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de solicitar unha subvención da Xunta de Galicia, no marco da convocatoria da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a construción, reforma, reparación, adecuación ou reforma de instalacións deportivas dos concellos, para financiar a ampliación do espazo destinado a ximnasio no Polideportivo Municipal. A actuación está orzamentada en preto de 62.000€ e a axuda autonómica servirá para sufragar o 80%.

O espazo destinado ao ximnasio, dentro do Polideportivo Municipal, conta actualmente con 82 metros cadrados. É unha superficie que se quedou pequena para a alta demanda destas instalacións, que son empregadas por pequenos e maiores, tanto para actividades e entrenamentos persoais como en programas dirixidos, como son as clases de Ximnasia Terapéutica que o Concello imparte a maiores de 60 anos ou as sesións da Asociación Apader.

A ampliación prevista permitirá dotar ao ximnasio dun total de 119 metros cadrados. Estará no mesmo sitio que agora, preto da pista polideportiva, pero adecuarase todo o espazo dispoñible ata o paramento exterior do propio pavillón. O presuposto da actuación é de 61.905,69€ e a prevision do Concello de Cedeira é financiar o 80% a través da devandita subvención da Xunta de Galicia, aportando dos orzamentos municipais o 20% restante.

A SERRA DA CAPELADA PROTAGONIZA O MURAL DO PROXECTO DE XEOPARQUE NO CASCO VELLO DE CEDEIRA

O artista rianxeiro Nove Noel vén de rematar o mural que enche todo un lateral da nova praza pública situada xunto ao Pazo de Moscoso. É unha peza artística realizada ao abeiro do programa de intervencións de arte urbana promovido no marco do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal e dun convenio de actividade financiado pola Deputación da Coruña. A obra destaca a especial relación entre o mar e a terra que se establece na Serra da Capelada, da que se presentan os seus acantilados, unhas vacas con un gandeiro e tamén unha escaladora, así como o detalle da herba de namorar.

A pintura sitúa ao espectador diante do “punto exacto entre o mar e a terra”, tal e como pode lerse no mural, e invita a ser capaz de ver o que é “moito máis que unha paisaxe”, un lugar que conxuga patrimonio, tradición, espiritualidade, historia e lendas… A presencia do gandeiro e a escaladora destaca os mundos distintos que conviven neste enclave e a gran variedade de actividades que dinamizan e dan identidade ao territorio.

Unha das estampas máis características neste espazo é a do gando pastando en liberdade polos montes comunais da serra. A gandaría aquí ten unha gran relevancia, non só a nivel económico, senón tamén a nivel social e ambiental. A Serra da Capelada é ademais un lugar que alberga moitas actividades de turismo activo, tamén importantes para o desenvolvemento local, económico e turístico de Cedeira. Nos últimos anos estas actividades foron gañando máis protagonismo e entre elas cómpre destacar a estrea da Senda do Santo, a primeira vía ferrata de Galicia.

Nove Noel ten realizado murais dentro e fóra de Galicia, así como en outros países como Portugal, Alemaña, Francia e México. É titulado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago e técnico en ilustración pola ESAD Pablo Picasso da Coruña. Ten recibido diferentes premios e becas artísticas.

A REMEIRA RAQUEL RODRÍGUEZ PERNAS, DEPORTISTA DO ANO DE CEDEIRA

O Concello e os clubes deportivos de Cedeira celebraron o 28 de abril a XIX Festa do Deporte, unha cita moi especial porque chega despois de tres anos suspendida e que serviu para subliñar os azos cos que os e as deportistas cedeiresas teñen saído do parón que impuxo a pandemia. A gala, que se celebrou nun Polideportivo Municipal ateigado de xente, contou coa presencia e a intervención do arqueiro olímpico Miguel Alvariño.

A Festa do Deporte serviu para homenaxear aos seguintes deportistas e entidades:

Karate: Equipo de competición da escola de karate de Cedeira.
Remo: Iván González Fraguela e Bruno López Torres; e Candela Martínez Pernas e Raquel Rodríguez Pernas. Pádel: Equipo Feminino A, Alfredo Quintiana García e Raquel Iglesias Lorenzo.
Deporte na Natureza: Club Candieira Cedeira.
Fútbol: Cedeira Sociedade Deportiva e Irene Díaz Alindado. Deporte adaptado: María Encarnación Alonso Lustres e Jesús Pérez García.
Baloncesto: Cedeira Basket Clube. Badminton: Santiago Freire López e Dolores López Lorenzo.
Natación: Irene Freire Pernas (Natación Cedeira)
Atletismo: Sara Romero Vilela (Natación Cedeira)
Triatlón: Damián Suárez Couto e Equipo Cadete do Natación Cedeira (Juan Piñón, Samuel Sánchez, Lucas Riola, Damián Suárez, Manuel Muíño e Francisco Bellas).

Ademais, na mesma gala fixéronse as seguintes mencións polas actuacións destacadas dos anos anteriores, nos que non se celebrou a Festa do Deporte:

Triatlón: Equipo alevín do Natación Cedeira (Irene García, Noa Villadóniga, Ainhoa Dopico, Ainhoa Torres, Roque Caneiro, Martín Otero e Manuel Sande).
Natación: Pablo Pérez González e Lucía Sánchez Grandal (Natación Cedeira).
Atletismo: Andrea Díaz Iglesias do Natación Cedeira (Natación Cedeira).
Baloncesto: Escolas Deportivas do Basket Cedeira.
Mención especial a Gonzalo Latorre Morado, fundador e presidente da asociación Apader.

Finalmente, o premio de mellor deportista no ano 2022 foi para Raquel Rodríguez Pernas, do Remo Cedeira, destacada competidora en probas internacionais e que con 18 anos de idade está actualmente estudando en California cunha beca.

Na gala, en cuxa organización estiveron implicados os clubes Polideportivo Apader, Badminton Cedeira, Cedeira Basket Club, Club Natación Cedeira, Cedeira SD, Club Candieira, Discalzas SD, Escola de Karate Cedeira, Club Pádel, Remo Cedeira e Club de Baile Street Dance, tivo como colofón a homenaxe sorpresa que todas as entidades e o Concello renderon a Antonio Sedes Bellón, traballador laboral no Polideportivo desde o ano 1990, cando se inaugurou, e persoa dinámica e comprometida co pobo. A falta de dous meses para a súa xubilación, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, fíxolle entrega dunha placa e expresoulle o cariño e o recoñecemento de todos pola súa adicación. Antonio Sedes é, ademáis dunha persoa sempre disposta para axudar no seu posto no Polideportivo, un home deportista que habitualmente participa nas probas populares. Ademais do agasallo para el, no acto amosouse a placa que recordará a súa figura no propio Polideportivo.