Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A ASOCIACIÓN DE MAIORES DE CEDEIRA VOLVE CELEBRAR A SÚA TRADICIONAL FESTA DOS MAIOS

A Asociación de Maiores de Cedeira volve a celebrar este ano, despois de dous anos de ausencia pola pandemia e coa colaboración do Concello, a Festa dos Maios. Será mañá no Auditorio Municipal, a partir das 20.00 horas, e na mesma cantarán e tocarán diferentes músicos de Cedeira.

A Asociación de Maiores colocará un maio grande no centro do escenario, así como outros dous máis pequenos nos laterais. Un grupo de socias serán as primeiras en subir ao escenario para cantar, e despois virán outras actuacións de diferentes veciños e veciñas, afeccionados á música e que cantan ou tocan diferentes instrumentos. Ao rematar a festa, servirán uns pinchos no segundo piso do Auditorio.

ANUNCIO DA “APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA DO CONCELLO DE CEDEIRA”

O Pleno do Concello de Cedeira, en sesión ordinaria realizada o 30.03.2023, acordou a aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica.

De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo de trinta días, a contar dende o seguinte ao da inserción do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar as reclamacións e suxerencias que estimen oportunas, encontrándose o expediente de manifesto na Secretaría do Concello durante o prazo sinalado. Así mesmo, estará a disposición dos interesados o texto da Ordenanza municipal no portal web do Concello (dirección: www.cedeira.gal).

De non presentarse reclamacións durante o citado prazo, a Ordenanza considerarase definitivamente aprobada.

DESCARA PDF Anuncio BOP Aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira

DESCARA PDF Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECE ESTE MÉRCORES O TRADICIONAL CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS

A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este mércores o seu tradicional Concerto do Día das Letras Galegas. A cita será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, con entrada de balde, e o recital levará por título “Lendas, contos e…música”.

Baixo a dirección de Eduardo Mallén, a Banda de Música Vila de Cedeira intercalará nesta ocasión a lectura de pequenas pasaxes de contos e lendas, tal como anuncia o título do concerto, cun repertorio musical no que destacará a presenza de compositores galegos como David Fiuza.

A Banda de Música de Cedeira ten consolidado o seu prestixio coa súa traxectoria de máis de trinta anos, tempo no que levou diferentes premios e participou en eventos de dentro e fóra de Galicia. Nos últimos anos viviu un cambio xeracional, coa incorporación de novos instrumentistas e un novo director, Eduardo Mallén, un reforzo máis cara o futuro dunha formación que exemplifica o gusto e a tradición musical de Cedeira.