Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO FELICITA AOS CLUBES DE REMO E TRIATLÓN DE CEDEIRA POLOS ÉXITOS ACADADOS

O goberno local de Cedeira quere expresar as súas felicitacións para os e as deportistas dos clubes Remo e Natación Cedeira, que nos últimos días obtiveron excelentes resultados en senllos campionatos de España. O seu esforzo é un orgullo e un exemplo para o pobo de Cedeira, un modelo de superación a seguir.

Rotundo éxito o acadado polo Club de Remo Cedeira no Campionato de España de remo olímpico, que o pasado fin de semana se disputou no embalse de Banyoles, en Girona. A entidade acadou un histórico sexto posto na clasificación por equipos de entre un total de vinte tres participantes, sendo, ademais, o mellor de entre os representantes galegos.

Este éxito colectivo alimentouse cunha brillante actuación individual de varios dos seus botes, que reportou dous títulos nacionais: un para Raquel Rodríguez Pernas, na proba de skiff sub 23; e outro para a tamén skiffista Candela Martínez Pernas, neste caso na categoría xuvenil. A estes dous ouros hai que engadirlle a medalla de prata do doble scull xuvenil masculino formado por Iván e Bruno e o bronce acadado pola propia Raquel Rodríguez Pernas na categoría absoluta de skiff feminino.

Cabe salientar tamén que outros tres botes cedeireses acadaron as finais. Agus González e Iago Ortiz rozaron o podio co seu cuarto posto no doble scull cadete masculino; mentres que na modalidade individual de skiff Raúl López foi décimo en sub 23 e Lucía Bellas duodécima en cadete.

Estes éxitos ratificaron a presenza internacional tanto de Candela Martínez, en categoría xuvenil, como Raquel Rodríguez, en sub 23, que foron convocadas de novo para as concentracións dos equipos nacionais que prepararán os Mundiais Sub 23 de Plovdiv e Xuvenil de París.

O Natación Cedeira tamén pechou unha fin de semana de grandes éxitos en competicións nacionais. Os seus deportistas Fran Bellas, Juan Piñón, Samuel Sánchez, Lucas Riola e Manuel Muiño foron segundos no Campionato de España de Triatlón Contrareloxo por equipos, que se disputou o sábado, mentres que Suárez, Piñón e Riola foron primeiros no Campionato de España de Triatlón por Relevos ao día seguinte.

LISTAXE PROVISIONAL DE ADMITIDOS E ADMITIDAS NO CAMPAMENTO URBANO DO CONCELLO DE CEDEIRA 2023

Na seguinte ligazón pode consultarse a listaxe de admitidos e de excluídos provisionais correspondente ao Campamento urbano de verán 2023:

Ir a ligazón da listaxe provisional

O Concello de Cedeira pon a disposición da veciñanza o modelo de autoliquidación do campamento urbano de Cedeira.

Na seguinte ligazón pódese efectuarse a descarga do documento:

DESCARGA PDF Modelo de autoliquidación de precio público campamento urbano

O SOCIALISTA MOREDA GIL FOI INVESTIDO POR TERCEIRA VEZ COMO ALCALDE DE CEDEIRA

Pablo Diego Moreda Gil é de novo alcalde de Cedeira cos 5 votos do PSdeG-PSOE na corporación. A abstención dos catro representantes do BNG facilita un goberno que o socialista definiu no seu discurso como “progresista e galeguista” e que, segundo dixo, ten as portas abertas para a entrada do Bloque. “O pobo é sempre quen máis ordena, fagámoslle caso e formemos un gran grupo de coalición que volva a ser un exemplo de boa xestión como foi aquel goberno entre 2015 e 2019”, dixo o alcalde.

Moreda Gil recordou o bo traballo que desenvolveu a coalición de forzas que encabezou en 2015, cando asumiu por primeira vez a alcaldía. Aquel mandato “descubriu unha nova forma de facer política en Cedeira, cun goberno municipal cercano a todas as veciñas e veciños”, dixo, da que xa non se apartou o goberno municipal tras a maioría absoluta acadada en 2019. “O eixo neste mandato 2023-2027 van seguir sendo os acordos e o consenso, que é a mellor forma de garantir un goberno de todas e de todos, un Concello útil, social e cercano, un goberno que traballará pola defensa do interés xeral”, dixo o alcalde.

No seu discurso, Moreda tivo palabras de agradecemento e de estímulo para as persoas que participaron na corporación e no goberno anterior, así como para os traballadores e traballadoras municipais. “Nada une máis á xente que o proxecto dun pobo do que sentirmos orgullosos, no que todas e todos temos cabida. Desplegar unha sólida confianza en nós mesmos depende da calidade das nosas conversas, de ter como ambicións metas elevadas, de pensar e crer que nós podemos, que temos a capacidade, a competencia e a autonomía para facelo viable”, rematou.