Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Aviso de corte do tráfico nas estradas Cariño-Mera e Ferrol-Viveiro

AVISO DE CORTE DO TRÁFICO NAS ESTRADAS CARIÑO-MERA E FERROL-VIVEIRO

Con motivo da celebración do Campeonato de España de Media Maratón Máster, e seguindo as indicacións da DGT e da Dirección Provincial da Garda Civil de Tráfico, infórmase á cidadanía de que mañá sábado 25 de maio estableceranse os seguintes cortes na circulación pola estrada CP-6121 (Cariño-Mera) e a AC-862 (Ferrol-Viveiro):

  • Ás 16.45 horas pecharanse as saídas de Ortigueira e Cariño pola AC-862 e a CP 6121, respectivamente. A vía alternativa recomendada de saída e entrada a Cariño será sempre a CP 2205 (Cariño-San Andrés de Teixido-Cedeira).
  • Ás 17.10 horas pecharase a CP 6121 en Mera dirección Cariño, e non voltará a ser aberta ata a fin da proba.
  • Estímase que sobre ás 18.15 horas a estrada AC 862 quedará totalmente aberta ó tráfico.
  • A estrada CP 6121 irase abrindo segundo vaia transcorrendo a proba no tramo Mera-Cariño.

Todos os horarios son estimados, podendo variar en función do que no seu momento determinen as autoridades supramunicipais responsables do tráfico.

En todo caso recoméndase que na medida do posible non se empregue o coche, e de ter que facerse evitar os períodos conflitivos (16.45 h -19.40 horas aproximadamente).

Cedeira avanza cara ao proxecto construtivo do futuro centro de día

CEDEIRA AVANZA CARA AO PROXECTO CONSTRUTIVO DO FUTURO CENTRO DE DÍA

O goberno de Cedeira segue a dar pasos cara á construción dun centro de día para cubrir unha necesidade dos veciños e veciñas de máis idade.

Hoxe mesmo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, e máis o titular da Concellería de Deportes, Nicolás Vergara, reuníronse con técnicos da Xunta para confrontar opinións con respecto ao proxecto construtivo elaborado polos servizos técnicos municipais. Este encontro responde á colaboración brindada no seu día polo responsable do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no sentido de traballar coordinadamente para garantir a realización do proxecto.

A reunión foi moi positiva, segundo apuntou a responsable de Cultura, xa que houbo case unha total sintonía cos representantes da Xunta. Trataríase dun edificio de nova construción e planta baixa, situado ao pé da estación de autobuses, en terreos de propiedade municipal. Aínda sen cuantificar, a edificación acollería dúas zonas perfectamente delimitadas, de maneira que había unha específica para persoal e servizos e outra dedicada exclusivamente aos usuarios. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns dos servizos que nun futuro poderán utilizar as persoas maiores que acudan ao centro de día de Cedeira.

A obra da variante das Pontigas xa está en marcha

A OBRA DA VARIANTE DAS PONTIGAS XA ESTÁ EN MARCHA

A obra da variante das Pontigas está en marcha desde hai uns días coa execución dos primeiros traballos de sinalización e acondicionamento do chan. Trátase dunha intervención financiada pola Deputación da Coruña que suporá a modificación do trazado da estrada DP-2204, ao seu paso polo núcleo do que recibe o nome a intervención, en cuxa execución vanse investir algo máis de 464.000 euros, ao marxe dos 124.000 previstos para as expropiacións. O orzamento de licitación superaba os 731.00 euros, entre gastos de obras (607.086,65 euros) e os máis de cen mil das expropiacións.

O proxecto consiste na construción dunha nova variante cunha lonxitude de 1,2 quilómetros e o acondicionamento dun vial de enlace de 330 metros que permitirá salvar o núcleo de Pontigas, onde as edificacións están moi próximas á estrada actual, o que fai imposible a súa ampliación.

A obra permitirá ademais diminuír o tráfico que circula a diario polo devandito núcleo de poboación mellorando notablemente a seguridade viaria na zona e evitando a afectación dun ben patrimonial cultural da localidade, como é a casa-pazo do Sete. O proxecto suporá así mesmo a ampliación do ancho da vía, que pasará a ter sete metros de plataforma e un de beiravía.

O equipo de goberno valora o inicio duns traballos que, unha vez estean rematados, contribuirán a mellorar a seguridade viaria, grazas ao incremento do ancho da plataforma e a unha maior visibilidade.

A estrada DP-2204 rexistra un importante volume de tráfico debido á circulación de autobuses en dirección a San Andrés de Teixido e aos miradoiros dos cantís da zona. A estrada actual so ten cinco metros de ancho e discorre por unha zona de curvas, moi próxima ás vivendas dos veciños.