Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE EXPOSICIÓNS, TALLERES, E MÁIS ACTIVIDADES NOUTRO 8M PARA REIVINDICAR IGUALDADE

O Concello de Cedeira conmemorará un ano máis o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, cunha serie de actos dirixidos a reivindicar os dereitos, a participación e o recoñecemento en pé de igualdade de todas as mulleres e tamén a rexeitar a violencia de xénero en todas as súas manifestacións. As actividades comezaron xa o día 5, coa inauguración dunha exposición no Museo Mares, e continuarán o venres, día da lectura do manifestó institucional do Concello, e durante a fin de semana.

O Museo Mares alberga desde hoxe unha exposición polo 8M e que reúne tres mostras diferentes. Por unha banda, a colección de fotografías “Mar de Mulleres”, obra da fotógrafa e artista gráfica Noelia Blanco, propietaria do estudio Akelarre na localidade, na que retrata a traballadoras do mundo do mar. Tamén están no Mares unha colección de cartaces antigos da celebración do 8M e a mostra “Di non contra a violencia de xénero” con viñetas da debuxante Sex (María José Mosquera), nas que a través do seu humor ácido pon de manifesto as desigualdades cotiás que viven as mulleres tanto no fogar como no traballo. Estas dúas últimas exposicións foron cedidas polo Concello de Ortigueira.

A conmemoración continuará o venres, 8 de marzo, con varias actividades que terán lugar na praza da Reitoral, se ben en caso de choiva se trasladarán ao Auditorio Municipal. Durante o desenvolvemento destas propostas, que se detallan a continuación, repartiranse uns trípticos con información sobre o ciclo menstrual.

Ás 17.00 horas abrirase alí un espazo de lectura para a rapazada, con libros que aportarán as tres bibliotecas de Cedeira –as dúas do instituto e o colexio e a municipal López Cortón-, todos eles relacionados co tema da igualdade. Un pouco máis tarde, ás 17.30h, comezará no mesmo lugar o obradoiro “Invisibilizadas: aprender a recoñecernos”, un xogo arredor do feminismo que dinamizará a educadora social Tania Merelas.
“Así, si” é o título da performance interxeracional que dirixirá a partir das 19.00h, no mesmo lugar, a educadora social Lucía Vázquez. Tras esta actividade darase lectura ao manifesto institucional do Concello de Cedeira.
A conmemoración do 8M continuará o sábado, día 9, cunha carreira/andaina que estará adicada a recordar a figura de Katherine Switzer, a primeira muller que correu unha maratón. Desde o Concello invitan á cidadanía a acudir e participar neste acto, que comezará e rematará na Praza Roxa.

Cómpre apuntar tamén que o 9 de marzo se celebrará no Auditorio Municipal a entrega do premio Muller da Vila, que cada ano concede a Asociación de Mulleres da Vila, e que nesta ocasión é para Mari Luz Lorenzo, impulsora do que hoxe é a agrupación folclórica Buxainas. O acto será ás 19.00h e no mesmo actuará a Banda de Música Vila de Cedeira.

A programación do Concello complétase coa merenda-coloquio que se vai desenvolver no Centro de Ocio Xuvenil o día 10, domingo, a partir das 17.30h. A cita contará coa participación do equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira e no mesmo darase paso a unha actividade artística dos mozos e mozas.

APROBADO O PREGO DE CONTRATACIÓN DAS OBRAS DE REFORMA DA EDAR DE SAN ROMÁN DE MONTOXO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o prego de contratación das obras de “Reforma e adecuación do sistema de saneamento en San Román”, unha actuación que a administración local acomete con financiación do POS+2023 da Deputación da Coruña e que sairá a licitación por un prezo de 59.997,96€ (IVE incluído). Trátase dun proxecto necesario para mellorar o funcionamento e corrixir as eivas da EDAR que se executou na parroquia no ano 2011 e que se puxo en marcha de maneira precaria.

As obras que se van realizar son exclusivamente as necesarias e imprescindibles para que a instalación funcione correctamente, cumprindo coa lexislación e a súa autorización de verquidos e evitando o impacto ecolóxico das augas residuais sobre o medio receptor.

O proxecto detalla os problemas que é preciso solucionar na EDAR, así como as operación que se van realizar e equipos a cambiar. Entre outras cousas, substituiranse pezas oxidadas por outras de aceiro inoxidable, limparanse os pozos, cambiaranse bombas, adecuaranse as máquinas para garantir que se poden realizar as tarefas de mantemento sen parar a instalación, dotarase ao equipamento dun sistema de control e alarmas, instalarase un novo cadro eléctrico…

CONTRATADAS AS OBRAS DE MELLORA DO FIRME E A REDE DE SANEAMENTO DAS RÚAS VIVEIRO E CERDIDO

O Concello de Cedeira adxudicou, por un prezo de 41.588,62€, a execución do proxecto de mellora do firme e da rede de pluviais das rúas Viveiro e Cerdido, no casco urbano. Trátase dunha nova actuación encamiñada a avanzar na implantación da rede separativa de saneamento no municipio, coa que se reducen custos e aumenta a eficiencia do tratamento de augas residuais nas depuradoras. O prazo das obras é de dous meses.

A rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. A actuación abrangue todo este vial e tamén parte da transversal Cerdido. As obras consistirán na anulación dos sumideiros existentes e na instalación de 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais, á que tamén estarán conectadas as baixantes dos edificios, así como dunha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. O remate dos traballos incluirá a reposición do firme en todo o ámbito de actuación.

A obra conta con financiamento do Plan Complementario da Deputación da Coruña.