Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO PROGRAMA A CUARTA E ÚLTIMA ACTUACIÓN DO CICLO CANTOS E CONTOS AO SOLPOR

O Concello de Cedeira suma este sábado un espectáculo máis ao ciclo de “Cantos e contos ao solpor”, un programa clásico no tránsito do verán ao outono na localidade, que xa viaxou nas pasadas semanas polas parroquias de Régoa, Cervo e San Román. Desta volta o polifacético artista Xoán Curiel leva ata a praza do Pazo de Moscoso o espectáculo musical “Treides comigo”. A cita será ás 20.00h e en caso de choiva a función trasladarase ao Auditorio Municipal.
Xoán Curiel (Fonsagrada, 1975) é un cantante, músico e actor profesional, cunha ampla experiencia como compositor, letrista, director artístico e teatral. Na súa carreira como músico e letrista móvese na innovación e na mistura de estilos dentro da canción de autor e as músicas do mundo.

“Treides comigo” é o seu sétimo traballo discográfico. Nel fai unha lectura contemporánea das obras medievais compostas polos trovadores galegos e portugueses. Xunto con Xoán Curiel, á guitarra e voz, actúan Iria Estévez (voz), Bleuenn LeFriec (arpa Clásica), Carlos Freire (percusión), Virginia Lis (clarinete) e Alex Salgueiro (flautas e clavicordio).

O CONCELLO DE CEDEIRA COLABORA CO CEIP NICOLÁS DO RÍO NA CREACIÓN DUNHA AULA SENSORIAL

O Concello de Cedeira acometeu de urxencia neste inicio do curso a colocación de tarima nunha aula do CEIP Nicolás do Río, accedendo a unha petición que o equipo directivo do centro fixo ao goberno local. A instalación de madeira no chan permitirá ao colexio habilitar unha aula sensorial, un espazo pensado para estimular os cinco sentidos e que son de especial interese para o alumnado con necesidades especiais.

Segundo informou o concelleiro de Educación, Noel López, o Concello de Cedeira investiu 2.541€ (IVE incluído) na colocación da tarima de madeira nesta aula. É unha actuación máis na liña de colaboración que o goberno local mantén co CEIP Nicolás do Río, que se concretou nos últimos anos en diferentes investimentos. Un dos últimos, executado ao finalizar o pasado curso, foi a instalación de tarima de madeira en oito aulas de Infantil e o corredor, para dotar a estes espazos dun chan máis quente e confortable.

A nova aula sensorial do CEIP Nicolás do Río vai ser un espazo especialmente adicado ao alumnado con necesidades educativas especiais, ainda que tamén estará aberto ao resto do alumnado como unha zona de lecer que ofrecerá certas condicións de tranquilidade e quietude. A estimulación dos sentidos é unha aposta educativa que fomenta o desenvolvemento cognitivo e emocional dos nenos e nenas. Trátase dun equipamento que cada vez están a incorporar máis colexios porque mellora as relación sociais e as habilidades comunicativas e favorece a exploración e a concentración nun contexto de seguridade.

O CONCELLO DE CEDEIRA DÓTASE DO SEU PLAN MUNICIPAL DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

O Concello de Cedeira dotouse do seu Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, en cumprimento do establecido na lexislación autonómica. O documento, que onte saiu publicado no BOP e está xa colgado na sede electrónica do Concello, localiza as faixas nas que é obrigado cortar e rozar para xestionar adecuadamente a biomasa e minimizar o risco de lumes. Desde o goberno local destacan que é unha ferramenta útil para os propietarios, que teñen así a seguridade de identificar as zonas que teñen que limpar, e que contribuirá a evitar lumes e coidar mellor do monte, que é patrimonio de todos e todas.

O plan concreta as ditas faixas lineais do territorio que pola súa localización preto de núcleos poboacionais, infraestruturas, equipamentos, zonas edificadas ou parques industriais requiren especial protección ante os incendios. En xeral, nestas parcelas non poden ter presencia o piñeiro, a mimosa, a acacia, o eucalipto, a xesta, o fento, as silvas ou o toxo, entre outras especies.

No mesmo documento, que pasa a integrar o Plan de Emerxencias do Concello de Cedeira, faise unha análise da situación, indicando que o municipio ten un risco potencial de incendios alto. Entre 2008 e o 2020 rexistráronse na localidade unha media anual de 5,33 incendios que queimaron, tamén de media, a 10,6 hectáreas. O ano 2012 foi o de maior número de lumes e máis superficie arrasada e a parroquia de Cervo a que máis incendios sufriu nese periodo.

Ao fío da publicación do Plan de Prevención de Incendios Forestais cómpre recordar que o Concello conta tamén co seu inventario de camiños municipais, que está colgado na web e no que é posible e doada a procura por referencia catastral dos terreos.

Para consultar o plan:
https://sede.cedeira.gal/sxc/export/sites/cedeira/recursos/downloads/Tablon/2023/ANUNCIO_PROG_20230915113027058_ANEXO_1694770227-1.pdf