Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA VIVIU UN VERÁN CON MOITA AFLUENCIA E CUN AUXE DAS PROPOSTAS DE TURISMO ACTIVO

O municipio de Cedeira viviu outro verán cunha altísima afluencia de visitantes, nacionais e extranxeiros, que corroboraron un ano máis o atractivo da localidade en todas as súas vertentes e a trascendencia que están a ter os novos recursos máis aló de Galicia. Un total de 5.329 pasaron de xuño a setembro pola Oficina de Turismo do Concello, 4.036 persoas acudiron ao Castelo da Concepción entre o 8 de xullo e o 22 de setembro e unhas 3.000 viviron a aventura da vía ferrata, a única de Galicia. O turismo activo vive un auxe especial no marco da recente declaración do Xeoparque Cabo Ortegal.

A Oficina de Turismo de Cedeira, aberta todo o ano, é durante o verán un bulebule de xentes interesadas por descubrir os moitos e variados atractivos da localidade e tamén do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. O persoal técnico informa dunha maneira moi detallada, facilitando mapas e folletos e solucionando dúbidas sobre medios de transporte, praias, negocios de restauración, tendas de alimentación, festas e mesmo a previsión meteorolóxica. Entre os principais motivos de consulta do público están as rutas de sendeirismo e as actividades deportivas que se desenvolven no municipio, as xeorrutas en Cedeira e dentro do ámbito do Xeoparque Cabo Ortegal, o santuario de Santo André de Teixido, o Castelo da Concepción e a zona de Sarridal, o Museo Mares, eventos puntuais como a rapa das bestas da Capelada… É un punto neurálxico da atención ao turismo, aínda que tamén hai moitas excursións e visitantes que se dirixen directamente ao destino.

Un dos máis destacados é o núcleo de Santo André de Teixido, que recibe diariamente durante o verán a centos de persoas, cunha afluencia que se intensifica nas fines de semana, cando chegan grupos grandes en autobuses. Jorge Bellón, un dos artesáns que vende os famosos “sanandresiños” de miga de pan, comenta que “o tempo acompañou e estivemos a tope”. A casa rural que abriu no enclave estivo completa e a ocupación mantívose tamén en setembro, o que confirmou o éxito de incorporar este recurso á oferta turística deste lugar de peregrinación cargado de misterios e lendas.

A vía ferrata viviu neste verán unha auténtica explosión de afluencia. Daniel Pérez García é o responsable de Orixen Action, unha das dúas empresas de ocio activo que xestionan o percorrido pola Senda do Santo. Segundo comenta, durante xullo e agosto unhas 3.000 persoas acudiron a facer esta escalada por paredes verticais e horizontais, escaleiras e pontes pola Serra da Capelada. A xente afeccionada a este tipo de actividade chega a Cedeira procedente de toda Galicia e de fóra da comunidade, ao igual que os grupos do extranxeiro. “Fan a vía ferrata persoas de todas as idades, pero case máis maiores que pequenos –comenta Daniel Pérez-; na pasada fin de semana estivo unha muller de 72 anos”. E o ritmo non decae moito: para a vindeira fin de semana esperan a unhas 30 persoas.

O turismo activo cobra forza en Cedeira e outra proba delo foi o programa DeRuta organizado pola empresa Portal Norte co apoio do Concello. Máis de 225 persoas participaron nas saídas durante os meses de xullo, agosto e setembro, polos tres itinerarios propostos: de San Isidro a Robaleira, polos altos de Santo Andrés ou pola contorna de Punta Candieira. O Concello promoveu un ano máis o programa Descubre Cedeira con percorridos guiados de dificultade baixa ou media que serviron tamén para achegar a grupos de visitantes as atractivas vistas, a historia e as tradicións da localidade.

Cedeira é desde hai preto de 15 anos un municipio turístico, unha condición que unicamente comparte con Pontedeume dentro do xeodestino. A Xunta de Galicia recoñece con esta categoría a concellos que, entre outras cousas, teñen unha media ponderada de visitantes que superan o 25% da súa poboación. Pola súa banda, os municipios turísticos garanten unha serie de servizos, como por exemplo manter aberta a oficina de información a visitantes durante todo o ano.

Segundo os datos da Oficina de Turismo de Cedeira, preto do 12% das personas que solicitan información durante o verán son extranxeiras, principalmente de Francia e Reino Unido, mentres que case o 40% do turismo nacional é de Madrid. Entre as persoas que chegan do resto de Galicia o grupo máis destacado é da cidade da Coruña, cerca do 24% do total, seguido do da capital compostelá, un 17%.

CHEGA A CEDEIRA O CICLO MESTRE MATEO COAS MELLORES PELÍCULAS DOS PREMIOS DO CINE EN GALEGO

Cedeira é unha das cinco localidades na provincia da Coruña que participa no segundo ciclo Mestre Mateo, un programa que leva por toda Galicia, en pases gratuítos, as películas finalistas dos premios do cine en galego. A partir deste domingo, día 8, sucederanse as proxeccións de oito títulos entre os que estarán as cintas recoñecidas cos galardóns ao mellor longametraxe, o mellor longametraxe de animación e o mellor documental.

O Auditorio Municipal de Cedeira será o lugar dos pases, todos de balde e abertos ao público ata completar aforo. Este domingo ás 19.00 horas chega a Cedeira Live is Life, unha película dirixida por Dani de la Torre que conta a aventura que emprenden Rodri e os seus amigos no verán de 1985, cando regresa desde Cataluña á aldea galega dos seus pais e comproba que os problemas do mundo real amenazan con separar ao grupo. Deciden escapar na noite de San Xoán na procura dunha flor máxica. A cinta foi finalista nas categorías de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario nos últimos premios Mestre Mateo.

As seguintes datas do ciclo Mestre Mateo en Cedeira serán as seguintes:
Domingo 15 de outubro, 19.00h. – Unicorn War. Premio mellor longametraxe de animación.
Domingo 22 de outubro, 18.00h. – Valentina.
Domingo 29 de outubro, 19.00h. – O corpo aberto. Premio mellor longametraxe.
Domingo 5 de novembro, 19.00h. – Código Emperador.
Domingo 12 de novembro, 19.00h. – No somos nada.
Domingo 19 de novembro, 19.00h. – María Casares, a muller que viviu mil vidas. Premio mellor documental.
Sábado 25 de novembro, 20.00h. – Onde máis doe.

“DE MARZO A MARZO” DE OPAÍ TEATRO ABRIRÁ O DÍA 14 AS REPRESENTACIÓNS DO SEGUNDO CICLO FUSA GUILLÉN

O Concello de Cedeira ten seleccionado xa as tres obras de teatro amador que estarán na segunda edición do certame Fusa Guillén, de entre as sete que concurriron á convocatoria. “De Marzo a Marzo”, da compañía Opaí; “Retratos no Camiño” de Romaría Teatro e “Facendo as Partixas” de Axóuxere son as pezas que se representarán no Auditorio Municipal os días 14 e 21 deste mes de outubro e o 4 de novembro, sempre ás oito da tarde e con entrada de balde.

O Concello de Cedeira creou no pasado ano 2022 o certame de teatro afeccionado Fusa Guillén para homenaxear a unha dramaturga que removeu a vida cultural cedeiresa impulsando o teatro e a recuperación do Samaín, entre outras cousas. Xunto coas tres obras seleccionadas para integrar o ciclo, que recibirán 600€ en concepto de gastos pola actuación, a comisión encargada de elixir deixou outras dúas pezas en reserva: “Ai mamá” da Asociación de Teatro Afeccionado Arroutada e “Sincronizadas” de Farándula Velutina.

A compañía ferrolá Opaí Teatro abrirá o ciclo o día 14 coa peza “De Marzo a Marzo”, creada con motivo do cincuenta aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. O recordo chega a través dun rapaz que ten que facer un traballo sobre o tema para a escola. Os máis vellos da familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto das personaxes, e eles mesmos, se enfrentan aos desafíos da vida actual. De marzo a marzo é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a raiba. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar. Unha peza conmovedora que non nos deixará indiferentes.

A seguinte representación será o día 21 de outubro e correrá a cargo da compañía Romaría Teatro, tamén de Ferrol. “Retratos no Camiño” ofrece unha visión das vidas que veñen e van a través de Serafín Lorenzo, un fotógrafo da parroquia de Serantes que foi máis coñecido como “Cazolitos. Andaba os camiños da contorna retratando ás xentes e os seus traballos, tempo de lecer e lugares. Da súa man esta peza irá facendo retratos de amas de casa, lavandeiras e leiteiras de Serantes, dos traballos na fábrica da Peninsular Maderera na Malata, de mulleres que axudaban a refuxiados na guerra civil, e dos cines e os bailes de antes.

Para rematar, o 4 de novembro actuará en Cedeira a compañía de Oleiros Axóuxere Teatro. “Facendo as Partixas” sitúase nos anos 80, cando o país esperta á democracia. Dúas irmás xúntanse, tras vinte anos sen verse, para repartir a herdanza familiar. Ana, a menor e progresista, fuxiu con 17 e estivo desconectada da familia mentres Laura, a maior e conservadora, quedou a coidar dos seus pais ao tempo que sacaba adiante á súa propia familia. Durante este reencontro, lembran o pasado, xurden as pantasmas e os reproches… pero descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían. A reconciliación entre ambas, e cada unha consigo mesma, converterase nos alicerces dun esperanzador futuro. Esta obra está especialmente dirixida a quen poida lembrar ou teña referenzas dunha época sen teléfonos móbiles, onde as nenas xogaban con bonecas “Mariquita Pérez”.