Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira sinaliza os sumidorios co lema “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa” para evitar verteduras ao mar

O Concello de Cedeira mantén activa a campaña de información sobre a importancia dun uso responsable da rede de sumidoiros na calidade ambiental na ría. Esta iniciativa deu lugar onte á sinalización dalgúns dos sumidoiros situados nas zonas peonís e concorridas con placas informativas co fin de recordar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa” é o lema desta campaña.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, sumouse a esta acción coa colocación dunha placa no rexistro situado na praza do Concello. No acto estivo acompañado da técnica de Medio Ambiente, Ana Piñeiro, e dun traballador municipal.

A área urbana de Cedeira conta cunha canalización de augas pluviais que circulan pola rede para acabar directamente na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría, “de aí a importancia de adoptar condutas que axuden a conservar a noso entorno”, tal e como apuntou o rexedor municipal.

Desde o executivo local considérase fundamental recordar sempre que o lixo que non se deposita correctamente ten moitas probabilidades de chegar ao mar e acabar nas praias, “unha contaminación que provoca un dano na vida dos mares case irreversible”, aseguran.

O Concello recorda que xestos habituais como verter a auga dos fregados ou tirar ao chan cabichas, envoltorios e outros residuos teñen consecuencias negativas no medio ambiente e anima á veciñanza e visitantes a depositar cada residuo no colector axeitado, usar as papeleiras e baleirar a auga sucia no inodoro para un correcto tratamento e eliminación, accións que se agradecen porque “cun pequeno xesto, axudaremos a manter limpa a nosa ría”.

Para máis información podese descargar o tríptico na seguinte ligazón:

Descarga tríptico Campaña por un uso responsable dos sumidoiros

A Mancomunidad convoca un proceso de selección para a contratación dun/ha técnico/a de orientación laboral

O día de onte aprobáronse as bases específicas que rexerán a convocatoria para a provisión con carácter interino e polo procedemento de concurso-oposición dun Técnico/a de Orientación Laboral.
As bases íntegras do proceso selectivo encóntranse publicadas na web da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol www.comarcaferrolterra.es
A presentación de instancias farase no prazo de 8 días hábiles a partir do seguinte á publicación deste anuncio no BOP da Coruña.

Descarga PDF Convocatoria para a selección de persoal funcionario interino, técnico/a de Orientación Laboral, polo procedemento de concurso-oposición

Unha moeda do século I D.C. sae á luz no remate da sexta campaña de escavacións no Castro do Sarridal

O castro do Sarridal de Cedeira volve sorprender aos expertos tanto pola súa singularidade construtiva como polos segredos que aínda esconde. O último é unha moeda romana, realizada en bronce, e moi posiblemente do século I d.C. O proceso de restauración ao que está sendo sometida verificará ou arroxará novos datos sobre a ocupación dun asentamento de orixe castrexo.

En canto á construción, o arqueólogo e director da sexta campaña de escavacións no xacemento xa rematada, Emilio Ramil, apuntou que “non é nada habitual atopar nunha edificación destas características un torreón exterior á muralla sobre o foxo”. Esta singularidade obedece, segundo Ramil, á necesidade de reforzar o sistema defensivo do castro. Os traballos tamén deron como resultado a recuperación integral do torreón -cuxa forma finalmente resultou ser ovalada e non rectangular como se tiña apuntado inicialmente- ademais de traballos no bastión, na muralla e no enlousado exterior da antecámara.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considerou que “seguramente aínda nós están a esperar moitos máis segredos nun xacemento que virá a completar a historia da localidade e no que xa foi atopada a quinta pedra formosa localizada en Galicia”.

Neste sentido, o rexedor municipal adiantou que a actuación que acaba de rematar e que estivo financiada polo Concello terá continuidade en próximas datas cunha nova intervención que, neste caso, será asumida pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e cuxo custo é moi similar ao destinado polo Concello, uns 15.000 euros. Con cargo a esta nova intervención levaranse a cabo tarefas de consolidación das estruturas que saíron ao luz con motivo dos traballos executados na que xa foi a sexta campaña de escavación levada a cabo no castro do Sarridal.