Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CURSO GRATUÍTO DE GALEGO PARA AS PERSOAS QUE QUEIRAN PREPARAR O CELGA

O Concello de Cedeira organiza, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, un curso de galego de preparación das probas do Celga. O programa é de balde e vaise impartir nas tardes dos venres, de 17.00 a 20.00h a partir do vindeiro 5 de abril, na sala multiusos do Pavillón Polideportivo. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición, dándolle prioridade as persoas empadroadas no municipio.

Poden inscribirse as persoas maiores de 16 anos, enviando un mail a noel.lopez@cedeira.gal, o ben enviando un whatsapp ao número 697 479 710 ou presencialmente no mesmo Concello de Cedeira.

O CONCELLO ENTREGA AO CEIP NICOLÁS DO RÍO 25 ACEVOS COINCIDINDO CO DÍA DO NATURALISMO GALEGO

O Concello de Cedeira fixo entrega esta semana de 25 acevos ao CEIP Nicolás do Río, con motivo do Día do Naturalismo Galego que se celebra este 9 de marzo. A iniciativa, que se realiza grazas á colaboración do profesor Rafael López “Calel”, vai dirixida a implicar a todo o alumnado do centro no cuidado destas árbores ata o vindeiro 5 de xuño, o Día do Medio Ambiente, cando se programará unha saída con eles para facer a súa plantación.

Ata o colexio achegáronse, para facer entrega de todos os testos coas árbores, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez Arribe, xunto cos concelleiros de Educación, Noel López, e Medio Ambiente, Ismael Durán. Tal e como destacaron, o acevo, tamén chamado acivro, é unha árbore moi coñecida en Galicia e que ata o ano 2018 estivo protexida. A través dela, esta iniciativa pretende “reivindicar o noso ecosistema e o coñecemento deste, así como sensibilizar ás crianzas sobre o coidado do medio ambiente”.

Os representantes do goberno local recordaron que o Día do Naturalismo Galego é unha data instaurada recentemente a proposta da Real Academia Galega de Ciencias e o Consello da Cultura Galega e que está moi vencellada a Cedeira polo traballo do profesor Rafael López Loureiro, “Calel”, que traballou moi activamente para o recoñecemento desta data en homenaxe ao Pai Martín Sarmiento, un frade bieito do século XVIII.

O Concello de Cedeira agradeceu a colaboración da dirección do colexio e moi expresamente a de Rafael López Loureiro, tamén presente na entrega dos testos e que foi quen doou os acevos.

O CONCELLO PRESENTOU TRES PROXECTOS Á CONVOCATORIA DE AXUDAS DO GALP PARA DESENVOLVEMENTO LOCAL

O Concello de Cedeira vén de presentar tres proxectos á nova convocatoria de axudas para iniciativas de desenvolvemento local participativo (EDLP) que xestionan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso o da Mariña-Ortegal, con financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura. Son tres programas para realizar en tres anualidades e que suman un orzamento de 190.557€, todos eles dirixidos a fomentar unha economía azul e sostible na zona.

O proxecto Respira Cedeira, cun gasto previsto de 54.680,92€, vai dirixido a fomentar o descubrimento da riqueza do litoral a través dun programa composto por catro rutas tematizadas. Trátase de poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico e inmaterial vinculado ao mar, aos oficios pesqueiros e mariñeiros.

Coidamos Cedeira, o segundo dos proxectos presentados, ten un orzamento de 74,201,75€ e adícase á conservación dos recursos pesqueiros, mariqueiros e acuícolas. O proxecto, no que o Concello contará coa colaboración da Confraría de Pescadores, a Sociedade Galega de Historia Natural e a asociación Arce, abrangue a realización de obradoiros no CEIP Nicolás do Río, a organización dun certame escolar, unha xornada divulgativa e un programa de captación de investigación universitarias.

Por último, Cedeira Mar de Vida é un programa enfocado á promoción de hábitos saudables a través do consumo de alimentos de proximidade, concretamente os procedentes da pesca local, e tamén da actividade física. O proxecto traducirase na realización de varios obradoiros co alumnado do IES Punta Candieira, a organización dun certame escolar e a realización de varias saídas coa rapazada polo territorio. A idea é que os mozos e mozas traballen como transmisores dos hábitos saudables e que estas actividades teñan un efecto multiplicador nas súas familias. Neste caso, o presuposto é de 61.674,72€.

O Concello de Cedeira ten unha ampla experiencia no desenvolvemento e execución de proxectos do GALP. Desde 2020 levou a cabo, ben individuais ou en colaboración con outras entidades do territorio, os seguintes cinco: PescaturAcción, Emprendepesca, Cedeira Mar, Cedeira Mariñeira e Cedeixura. Entre todos movilizaron máis de 442.000€ de fondos europeos.