Subvencións para comisións de festas das parroquias

SUBVENCIÓNS PARA COMISIÓNS DE FESTAS DAS PARROQUIAS

O Concello destina 4.000 euros a subvencións para comisións de festas parroquiais. Estes colectivos teñen 15 días de prazo (contados desde o 2 de novembro) para solicitar a súa axuda, que poderá cubrir a totalidade do gasto proposto, sen pasar o tope de 400 euros por entidade. No «Boletín Oficial da Provincia» do día publicáronse as bases.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Subvencións para comisións de festas das parroquias

O Amanexo foi o local gañador do primeiro concurso de tapas de outono do Concello de Cedeira

O AMANEXO FOI O LOCAL GAÑADOR DO PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O Amanexo Gastrobar, nun negocio de hostalería que Miguel López López abreu hai un ano na praza de Galicia, foi o gañador do primeiro concurso de Tapas de Outoño de Cedeira co aperitivo “Chicarrón de codillo de cerdo”.

Miguel López considerou que nas diferentes texturas do prato estivo a clave para facerse cun certame no que tomaron parte dazaseis locais da localidade. A tapa gañadora obtivo 155 votos dos 456 emitidos nun total das 253 tarxetas recollidas durante os dous días que durou a convocatoria.

O Mesón foi o segundo clasificado, cun total de 151 votos e a tapa denominada “Delicias de Temporada”, mentres que A Taberna do Jojó, coa proposta “Barquita de parmesano rellena de setas”, quedou terceira cun total de 150 votos.

A entrega de premios tivo lugar onte e contou coa presenza das concelleiras de Cultura e Servizos Sociais, María Xosé Rodríguez Pérez e Manuela López, respectivamente, que valoraron a implicación do sector da hostalería nesta primeira edición do certame, así como a magnífica presentación e calidade das tapas presentadas.

Diana López Pérez foi a gañadora da cea para dúas persoas no Amanexo.

Cedeira inviste máis de 54.000 euros en mellorar catro camiños públicos da zona rural

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 54.000 EUROS EN MELLORAR CATRO CAMIÑOS PÚBLICOS DA ZONA RURAL

O Concello de Cedeira vén de investir 54.762,95 euros na reparación de catro camiños rurais de titularidade municipal. Trátase dos de Vilarcay, Meizoso, As Bieiteiras e Igrexa de Cervo.

As actuacións consistiron principalmente na limpeza de cunetas por ámbalas dúas marxes, en ampliar en 15 centímetros a altura da capa de rodaxe e no rego asfáltico semiprofundo e superficial no conxunto total das superficies intervidas. Estas abrangueron un total de 7.700 metros cadrados.

Desde o goberno municipal destácase a necesidade de seguir investindo en infraestruturas para mantelas nas mellores condicións posibles, tanto para garantir a seguridade de condutores e peóns como para facilitar a comunicación en todo o termo municipal.

As obras agora rematadas recibiron financiamento local e autonómico, este último a través dos fondos Agader do ano 2017.

VER GALERÍA das melloras de catro camiños públicos da zona rural

O Concello compra camas xeriátricas para ceder gratuitamente aos usuarios dos servizos sociais

O CONCELLO COMPRA CAMAS XERIÁTRICAS PARA CEDER GRATUITAMENTE AOS USUARIOS DOS SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Cedeira vén de adquirir un total de dez camas xeriátricas con carro elevador para usuarios dos Servizos Sociais co fin de complementar a prestación domiciliaria a persoas con escasos recursos. O importe do contrato, adxudicado á empresa Coloro SL, ascendeu a 13.550 euros (IVE incluído).

A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, sinalou que as catro primeiras camas xa foron entregadas e adiantou que é intención do goberno municipal ampliar o subministro coa adquisición de dez unidades máis con cargo aos orzamentos do próximo ano. López Rodríguez avaliou esta decisión na demanda existente e na necesidade de substituír as actuais polo mal estado no que se atopan. Neste sentido, a concelleira explicou que as que agora están en uso foron cedidas no seu día polo Sergas con motivo da reforma do complexo sanitario Arquitecto Marcide.

Os usuarios de Servizos Sociais que por enfermidade ou convalecencia necesiten unha cama xeriátrica só terán que cumprimentar a correspondente solicitude para ter acceso a unha delas. O Concello de Cedeira cederá o equipamento de maneira gratuíta durante o tempo que sexa necesario.

Información sobre as bonificacións e exencións no canon de auga e coeficiente de vertedura

INFORMACIÓN SOBRE AS BONIFICACIÓNS E EXENCIÓNS NO CANON DE AUGA E COEFICIENTE DE VERTEDURA

O Concello de Cediera quere facer chegar aos veciños e veciñas toda a información sobre as bonificacións e exencións existentes no pago do canon de auga e coeficiente de vertedura recollidas na normativa e aplicables ao Concello de Cedeira.

As situacións polas que se poden solicitar ás bonificacións e exencións son:

  • Número de habitantes por vivenda.
  • Situación de exclusión social.
  • Familia numerosa.

A continuación, pode consultarse información sobre estos tres supostos:

  • Número de habitantes por vivenda.

O cálculo do canon de auga e coeficiente de vertedura faise por defecto presupoñendo que a vivienda está habitada por 3 persoas. De non ser ese o caso, os interesados deberán acreditalo.

Nas seguintes ligazóns pode acceder á información necesaria para a realización dos trámites para acreditar un número diferente de habitantes na vivienda, esto é, os artigos aplicables do regulamento, o modelo de solicitude que debe cubrirse para acreditar o número de persoas que habitan a vivienda, e a ligazón para a presentación telemática da solicitude.

IR Á LIGAZÓN Decreto 136/2012, do 31 de maio, Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura. Artigos 21 e 22.

DESCARGAR PDF Solicitude de acreditación do número de persoas na vivenda para aplicación do canon da auga e coeficiente de vertedura

IR Á LIGAZÓN presentación telemática da solicitude de acreditación do número de persoas na vivenda para aplicación do canon da auga e coeficiente de vertedura (REQUIRE FIRMA ELECTRÓNICA)

  • Exención por situación de exclusión social.

As unidades de convivencia que acrediten estar en situación de exclusión social poden solicitar a exención do canon da auga e coeficiente de vertedura (os ingresos totais non deben superar o IPREM).

Nas seguintes ligazóns pode acceder á información necesaria para a realización dos trámites para solicitar a exención do canon por situación de exclusión social, esto é, os artigos aplicables do regulamento, o modelo de solicitude que debe cubrirse, e a ligazón para a presentación telemática da solicitude.

IR Á LIGAZÓN DECRETO 136/2012, do 31 de maio, Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura. Artigos 25 e 26.

DESCARGAR PDF Solicitude de exención do canon e coeficiente por situación de exclusión social

IR Á LIGAZÓN presentación telemática da solicitude de exención do canon por situación de exclusicón social (REQUIRE FIRMA ELECTRÓNICA)

  • Deducción das cuotas ás familias numerosas.

As familias numerosas teñen dereito a unha dedución do 50% sobre a cota íntegra do canon na vivenda principal, para o que os interesados deberán acreditar a condición de familia numerosa.

Nas seguintes ligazóns pode acceder á información necesaria para a realización dos trámites para solicitar a deducción por familia numerosa, esto é, os artigos aplicables do regulamento, o modelo de solicitude que debe cubrirse para a deducción por familia numerosa, e a ligazón para a presentación telemática da solicitude:

IR Á LIGAZÓN DECRETO 136/2012, do 31 de maio, Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura. Artigos 23 e 24.

DESCARGAR PDF Solicitude de dedución no canon da auga e no coeficiente de vertedura para familias numerosas

IR Á LIGAZÓN presentación telemática da solicitude de dedución no canon da auga e no coeficiente de vertedura para familias numerosas (REQUIRE FIRMA ELECTRÓNICA)

Os formularios deben dirixirse a Augas de Galicia. Aqueles interesados en facer o rexistro das solicitudes presencialmente (non vía rexistro electrónico) poden facelo en calquera oficina da Xunta de Galicia. En Cedeira, pode facelo nas oficinas do rexistro municipal do Concello (a través do SIR), ou na Oficina Agraria Comarcal de Cedeira (Calle Pontenova, s/n. Horario de luns a venres de 9.00 h a 14.00 horas).

Cedeira celebrará o samaín os días 2 e 3 con actividades, concursos e coa primeira cita co “Escape Room”

CEDEIRA CELEBRARÁ O SAMAÍN OS DÍAS 2 E 3 CON ACTIVIDADES,CONCURSOS E COA PRIMEIRA CITA CO “ESCAPE ROOM”

O Concello de Cedeira organiza para os días 2 e 3 de novembro a festa do Samaín, unha celebración que chega este ano a súa XXIX edición e para a que o goberno local conta coa colaboración da Asociación Amigos de Samaín, da ANPA Picapeixe, da Deputación e, a título individual, con moitos veciños e veciñas da vila.

Desde o día de onte ata o próximo mércores (día 31) a convocatoria dará lugar a obradoiros abertos á participación de pais e alumnos do colexio Nicolás del Río. A elaboración de chapas, o tallado de cabazas e a confección de cadeas pantasmas son só algunha das actividades previstas.

Ao programa incorpórase este ano un “Escape room”, unha iniciativa que consiste en introducir a un grupo de persoas nunha habitación pechada da que só poderán saír resolvendo enigmas. Cada sesión ten unha duración de 45 minutos, polo que haberá que facer a reserva a través do correo amigosdesamain@gmail.com e no que debe figurar o número persoal dos solicitantes. Os equipos terán un mínimo de 3 e un máximo de 5 persoas. As prazas son limitadas e a actividade desenvolverase entre mañá martes (30 de outubro) e o sábado 3 de novembro en horario de mañá e tarde.

O venres día 2 haberá obradoiros de zonchos e pintura na carpa instalada no paseo da Mariña, a partir as 18,00 horas, e a actuación de Paco Nogueira, co espectáculo Bule, Bule, despois das 20.00 horas. A xornada do venres 3 arrincará con traballos de decoración na zona do paseo marítimo e coa apertura do prazo de inscrición para tomar parte na xincana, que estará aberto entre as 12.30 e as 13.30 horas.

A partir das cinco da tarde sucederanse as actividades. Así, celebrarase o certame de melóns tallados, a tradicional merenda de outono -requeixo con mel e bola de azucre-, a xincana infantil e o obradoiro de maquillaxe. O pasarrúas pola Vila Vella dará comezo ás 20.00 horas e o finalizar no mesmo terá lugar a entrega de premios ás mellores cabazas e aos gañadores da xincana infantil.

O programa prolongarase ata a xornada do próximo domingo (día 4), data na que auditorio municipal acollerá a representación da obra “Patapatum” pola compañía Elefante Elegante. Será ás 18.00 horas.

Samaín 2018

SAMAÍN 2018 PROGRAMA

Benvidos e benvidas á celebracion do XXIX Samaín. Outro ano máis estamos felices de compartir con vós esta tradición tan especial na nosa vila. Estas son as actividades que propoñemos para os próximos días. Agardámosvos!.

PREPARÁNDONOS PARA O SAMAÍN

29, 30, 31 de outubro

A Anpa Picapeixe e o Colexio Nicolás do Río abren as súas portas ao novo Samaín deste ano. Durante o luns, martes e mércores realizarán obradoiros e actividades para empezar a preparar a nosa festa e que sexa tan lucida coma sempre.
Patio do Colexio. 18:00 – 20:00 h
Obradoiros

ESCAPE ROOM

Como podemos escapar dunha habitación pechada resolvendo enigmas?
Sesións de mañá e tarde desde o 30 de outubro ata o 3 de novembro . Duración 45 min.
Xa está aberto o prazo para os equipos que queiran apuntarse neste novo xogo para adultos a través do email amigosdesamain@gmail.com. É preciso indicar un teléfono de contacto. Os equipos deben ter un mínimo de 3 persoas e un máximo de 5.
As prazas son limitadas, así que apuntádevos canto antes.

VÉSPERA DE SAMAÍN

VENRES 2 DE NOVEMBRO

Nas carpas do Paseo da Mariña
18:00 Obradoiro de zonchos e Obradoiro de pintura
20:00 Actuación de Paco Nogueira co espectáculo Bule, Bule

SÁBADO 3 DE NOVEMBRO
Nas carpas do Paseo da Mariña

Pola mañá:

  • Organización e preparación da festa
  • Decoración do paseo
  • Inscrición dos grupos da Gimkana (12:30 e 13:30 h)

Pola tarde:

  • 17:00 Recollida e inscricións para o concurso de melóns tallados
  • 17:00 Merendola de outono, requeixo con mel e bola de azucre
  • 17:00 Inicio da Gimkana infantil
  • 17:30 Obradoiro de maquillaxe
  • 20:00 Pasarrúas pola Vila Vella
  • 20:30 Entrega de premios para as mellores cabazas presentadas e para os gañadores da Gimkana Infantil

E PARA REMATAR…
Domingo 4 de novembro no Auditorio Municipal. 18:00 h.
Patapatum
Representación infantil realizada pola compañía Elefante Elegante. Rede Galega de Teatros e Auditorios. Entrada: 2,5 €

Organiza: Concello de Cedeira
Colaboran: Asociación Amigos de Samaín, ANPA Picapeixe do CEIP Nicolás del Río, CEIP Nicolás del Río, Deputación da Coruña, AGADIC, Veciños e Veciñas de Cedeira.

O sábado comeza o primeiro concurso de tapas de outono na Vila de Cedeira

O SÁBADO COMEZA O PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO NA VILA DE CEDEIRA

O concurso de Tapas de Outono organizado polo Concello de Cedeira para a próxima fin de semana dará comezo este sábado (día 27) nos 16 locais que tomarán parte nesta primeira edición do certame. Tanto o sábado como o domingo, as tapas só se poderán consumir como aperitivo ás horas do mediodía.

Ao prezo de 1,5 euros por unidade, veciños e visitantes terán a posibilidade de degustar os primeiros sabores de outono en pequenas doses, ademais de participar nun sorteo dunha cea para dúas persoas no caso de reunir os cinco selos esixidos para asinar a tarxeta de votación que estará en todos os negocios participantes. Estes son: Restaurante Brisa, T. Praza do Peixe, mesón San Antón, mesón JoJó, mesón Marieta, restaurante Vila Vella, mesón A ría, mesón A Balandra, cervecería Rosi, mesón O Amanexo, pizzería Sheriff, cafetería Auditorio, O Mesón, bar California, mesón Alitas e bar O Marisco.

Promocionar a hostalería local e fomentar a gastronomía da zona son dous dos motivos que levaron ao goberno de Cedeira a promover a celebración dun concurso para o que é obrigatorio facer uso de produtos de tempada e presentar unha tapa feita expresamente para o certame. O executivo local invita á veciñanza a secundar a iniciativa visitando este sábado e domingo o maior número de locais posible.

Cedeira instala soportes para aferrar os colectores de lixo en quince novos lugares da zona rural

CEDEIRA INSTALA SOPORTES PARA AFERRAR OS COLECTORES DE LIXO EN QUINCE NOVOS LUGARES DA ZONA RURAL

O Adro (Régoa), Igrexa de Santalla, Carreiro, Arrasa, Cancelo, Transmonte, Lamelas, Figueirido, Cardosa, Saíñas, Palacete, Barral, Sisalde, Vila do Río e Escolar de San Román. Son os nomes dos quince lugares rurais de Cedeira nos que o goberno municipal vén de instalar soportes metálicos para aferrar os contedores de lixo, un proxecto executado pola empresa Prieto Mouriz e cuxo investimento ascendeu a 7.211,60 euros (IVE incluído).

O grupo de goberno entende que é unha prioridade mellorar a suxeición dos colectores que se encontran na zona rural, na que existen un total de 300 unidades pero dos que só unha terceira parte dispoñen do elemento de contención.

Esta situación, segundo o executivo local, representa “un prexuízo para a veciñanza cando atopan os contedores tirados no chan ou retirados nun espazo distinto do habitual por inclemencias metereolóxicas”.

A construción dunha base de formigón e a instalación do mecanismo metálico correspondente garanten a estabilidade dos colectores, así como un bo funcionamento do servizo de recollida de lixo.

A obra “Terapia de bar” pecha este sábado o ciclo de teatro afeccionado en Cedeira

A OBRA “TERAPIA DE BAR” PECHA ESTE SÁBADO O CICLO DE TEATRO AFECCIONADO EN CEDEIRA

O ciclo de Teatro Afeccionado, organizado por Teatro da Vila (Cedeira), pechará este sábado (día 27) coa representación da obra “Terapia de Bar” polo grupo O Aturuxo de Melpómene, ás 20.00 horas no auditorio municipal. O prezo da entrada é de dous euros.

Trátase dun texto de José Luis Prieto, que conta a historia do bar “Da costa”, que non está na costa senón perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e, cando o fai, non volve nunca máis.

A propietaria do establecemento e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que, segundo eles, son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada).