Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

BANDO DA ALCALDÍA ANUNCIANDO AS MEDIDAS PARA PODER PRESERVAR O BO ESTADO DAS PISTAS E CAMIÑOS MUNICIPAIS FRONTE Á ACTIVIDADE EXTRACTIVA FORESTAL

Pablo Diego Moreda Gil, alcalde do Concello de Cedeira FAI SABER QUE:
Para os efectos de poder preservar o bo estado das pistas e camiños municipais fronte á actividade extractiva forestal e poder garantir o normal uso dos viais afectados por esa actividade, o concello de Cedeira ADOPTA A SEGUINTE MEDIDA:
Os madeireiros encargados dos traballos de extracción deberán comunicar a este Concello, con carácter previo aos traballos referidos, xunto coa autorización de corta pertinente, os seguintes datos identificativos:

  • data e hora dos traballos
  • localización do predio (referencia catastral, nome do monte, parroquia e calquera outra denominación que permita a identificación inequívoca do enclave)
  • titular do predio (nome e apelidos ou razón social e NIF/CIF)
  • camiños e/ou vías a utilizar nos traballos

En cumprimento do establecido na Ordenanza municipal reguladora das actividades nos montes e espacios forestais do concello de Cedeira LÉMBRASE A OBRIGA DE:
Reparar de forma inmediata os deterioros producidos nos viais, ou nas estruturas anexas, así como a retirada dos restos procedentes das operacións de corta, carga e almacenamento

En Cedeira, a 2 de novembro de 2023

Pódese descargar o bando na seguinte ligazón:

Descarga Bando

OITO ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA SERVIRÁN DO VENRES AO DOMINGO AS SÚAS “TAPAS DE OUTONO”

Oito establecementos hostaleiros de Cedeira van concentrar o mellor da súa cociña nos petiscos do certame Tapas de Outono, que se desenvolverá do venres 3 ao domingo 5 e que, un ano máis, organiza o Concello para dinamizar o sector e poñer en valor o seu bo facer. As tapas incorporarán necesariamente, tal e como establecen as bases, ingredientes propios deste tempo e serviranse a 2,5€.

Gastrobar O Amanexo, O Mesón, Taberna Praza do Peixe, Galifornia, O Mástil, a Taberna do Jojó, Pizzería Sheriff e Cervexaría O Xermolo son os negocios que participan este ano no certame. As tapas serviranse na noite do venres, nos servizos de xantar e cea do sábado e o domingo ao mediodía.

O público que probe os petiscos exercerá de xurado, adxudicando nunha tarxeta que entregarán os locais tres, dous e un punto as tres tapas que máis lle agraden. Porén, terán que probar como mínimo cinco, e ter os correspondentes selos dos establecementos, para poder emitir o voto e participar no sorteo dunha cea para dúas persoas no establecemento gañador.

As bases establecen que os petiscos deberán empregar alomenos dous destes catro ingredientes: cabaza, cabaciña, castaña e setas. Gañará o local que sume máis puntos, ou que obtivera máis votos de tres puntos en caso de empate. Desde o Concello de Cedeira recoméndase probar as oito tapas, ainda que cada persoa poderá participar na votación cunha única tarxeta.

VERÓNICA CODESAL ACTUARÁ EN CEDEIRA O DÍA 10 NO MARCO DA XIRA DO SEU ÚLTIMO TRABALLO “100 VOLTAS”

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá o vindeiro 10 de novembro, o concerto da xira de presentación do novo traballo discográfico de Verónica Codesal, “100 voltas”. A líder do grupo Ialma, que acadou sona internacional coa súa participación e segundo posto en Eurovisión no ano 2003, co grupo belga Urban Trad, propón neste disco unha viaxe á esencia da cultura e a tradición galegas baixo o foco da contemporaneidade. O concerto, de entrada gratuída, será ás 21.30h e forma parte do ciclo Outono Cultural da Deputación da Coruña.

A pandereteira e cantante Verónica Codesal comparte esta nova aventura musical con dous instrumentistas portentosos que a teñen acompañado xa en moitas ocasións: Didier Laloy, ao acordeón diatónico, e Damiel Chienci ao violín. En “100 voltas”, Verónica Codesal mistura textos tradicionais, letras propias e tamén versos de poetas contemporáneas como son Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial e Brais Fernandez. É un proxecto en feminino, no que cobran protagonismo as historias de mulleres, e incorpora, coincidindo co vinte aniversario do seu paso por Eurovisión, unha nova versión do tema “Sanomí”, co que Bélxica acadou aquel celebrado segundo posto.

Verónida Codesal, filla de emigrantes galegos en Bélxica, é unha activista da cultura e a lingua galegas. Entre 2002 e 2012, e desde 2015 é cantora do grupo Urban Trad, posto que comparte con Soetkin Collier. Forma parte tamén de diferentes proxectos municipais: Camaxe, Ialma, Vivas Niñas, e é profesora de danza galega no grupo Foliada. Participa tamén das actividades do Muziekpublique, un organismo de Bruxelas que traballa na promoción da música e baile tradicionais de todo o mundo.

Máis información na seguinte ligazón:

Descarga información

100_VOLTAS_-_GAL_NEW[1]