Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

COMUNIDADO OFICIAL CEDEIRA SD

Cedeira, 27 de decembro de 2020

Reunida a Xunta Directiva, logo de facer a consulta coa base e o equipo afeccionado (completamente amateur), decidimos por unanimidade NON SAÍR A COMPETIR a tempada 2020/2021, que ten previsto o comezo o 31 de xaneiro de 2021.

Somos conscientes de todo o que isto supón, tamén deportivamente no caso particular do noso equipo afeccionado de 1ª Autonómica, pero coma entidade social que somos vémonos na obriga de ser exemplo de conduta e, sobre todo, RESPONSABILIDADE coa sociedade nesta crise sanitaria que estamos a sufrir e, en particular, cós nosos deportistas, familias, amigos e directivos.

Un ano, o 2021, que para todos nós é especial, ilusionante e único pois a nosa entidade cumple 50 anos de vida, polo que a renuncia resulta, se cabe, un pouco máis dura pero, nesta realidade, a sensatez e a responsabilidade téñense que antepoñer ó emotivo e o importante será celebralo, si, cando se poida, tamén, pero sobre todas as cousas… SEN QUE FALTE NINGUÉN!!!!

Esperamos que a RFGF (xa nos puxemos en contacto có Delegado de Ferrol para comunicarlle a nosa decisión), entenda a nosa postura, así coma a de moitos máis clubes amateur da nosa CCAA, e rectifique respecto á decisión sancionadora da pérdida de categoría.

Cremos que o máis sensato sería comezar en Setembro, sempre que a situación sanitaria mellorase, e non agora, nun presente preocupante e cheo de incerteza; polo que entendemos que esta situación pon en risgo a saúde dos nosos e a viabilidade económica de clubes amateur incapaces de sustentar todas as esixencias necesarias que require esta pandemia có fin de garantir a seguridade de todos e cada un de nós.

Ademáis queremos facer constar a AMBIGÜEDADE do protocolo da RFGF cheo de “recomendamos”, “entendemos que”, “se pode ser”… a INSUFICIENTE cobertura económico-sanitaria para deportistas amateur (cubrir máximo 25 test antíxenos, non PCR, ó mes; lexislar en mínimos insuficientes pois test cada 14 non ten sentido; a propia loxística dos test…) e a INVIABILIDADE económica tanto polo aumento exponencial dos gastos coma pola segura merma dos ingresos.

Desexamos que a nosa masa social entenda a difícil decisión tomada e que sigan apoiando ó noso clube SEMPRE. Porque algo temos seguro, traballaremos, loitaremos e batallaremos activamente para rexurdir máis fortes, unidos e orgullosos do CEDEIRA S.C.

Oxalá que o fútbol amateur volte axiña dunha maneira plenamente segura.

Opaaaaa Cedeira, SEMPRE

A XUNTA DIRECTIVA

FIN DE ANO 2020 (FELIZ DÍA DOS INOCENTES!! )

Este ano 2020 chegou cheo de novas maneiras de relacionarnos, de compartir espazos, de festexar, de vivir. Unha vez estudada a situación na que nos atopamos e respectando sempre a orde publicada pola Xunta de Galicia, e coa posibilidade de rectificación ante as novas ordes que poidan publicar ata a data do 31 de decembro, desde o concello queremos impulsar unha maneira de despedir este ano que sempre quedará nas nosas lembranzas.
Situaremos cinco carpas en distintas ubicacións para realización de festas privadas (FePriv a partir de aqui): Carpa Praza Marieta, Carpa Praza Floreal, Carpa Praza Revolta, Carpa Praza Roxa e Carpa Urxencias para aquelas persoas máis aventureiras. As carpas estarán divididas internamente con marcas no chan onde se ubicarán as FePriv. Cada FePriv terá a súa disposición 20 m2 cunha ocupación máxima de seis persoas. As carpas abrirán ás 11.00 h da noite e pecharán a 1.20 h do 1 de xaneiro, respectando o tempo máxima de permanencia na rúa.
As FePriv terán un prezo público, derivado do cálculo de ocupación de espazo público, aluguer de carpa, hixienización das marcas no chan e música (opcional*) que será publicado o día 30, xunto co teléfono e correo electrónico de reserva.

A Carpa Praza Marieta contará con música en directo co máis puro TexMex da man de Grelos Picantones, o último berro en mariachis! (e en quen os escoita).
Despidamos 2020 como se merece!

*De elexir a opción música, entregaranse cascos con conexión bluetooth, previo depósito do DNI, aos participantes en cada FePriv, na que escoitarán a lista de reproducción previamente escollida.

TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO MUNICIPAL NO LUGAR DE ARBA

O Concello de Cedeira informa da recente execución duns traballos de acondicionamento do camiño que conecta co núcleo rural de Arba, unha actuación que forma parte das tarefas de coidado e mantemento das infraestruturas de titularidade municipal e que supón unha mellora da seguridade vial para a circulación de vehículos por dito vial. A administración local investiu 7.502€ (IVE incluído) nesta actuación.

A empresa Villasuso Ortegal ocupouse de realizar as obras, que consistiron no acondicionamento do camiño por medios mecánicos, a limpeza de gabias e a posterior pavimentación cun dobre rego asfáltico.

O camiño ten unha lonxitude duns 400 metros e atopábase, antes desta intervención, nun estado de sensible deterioro, con fochancas e fendas que a choiva fora agravando.