Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA COMPLETA A INTEGRACIÓN DA POLICÍA LOCAL NO SISTEMA VIOGÉN DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o convenio que completa a integración da Policía Local no sistema Viogén de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero. No pasado mes de marzo o alcalde Pablo Diego Moreda Gil asinara xa coa Delegación do Goberno o protocolo de adhesión ao sistema, paso previo necesario para establecer agora o convenio que fará efectiva a súa implantación.

O sistema Viogén creado polo Ministerio de Interior permite, a través dunha aplicación informática, integrar toda a información policial, xudicial ou penitenciaria de interese, aportada por todas as institucións e forzas de seguridade que teñen competencias en materia de violencia de xénero. A integración dos corpos policiais municipais permite que estes axentes fagan o seguemento de situacións consideradas de risco baixo, mentres que a Garda Civil se encarga dos casos activos clasificados como de maior perigo. O cruce de información, a través da aplicación á que agora vai ter acceso a Policía Local de Cedeira, considérase esencial para garantir unha actuación máis eficaz na prevención de novos casos de violencia de xénero.

É de especial interese a colaboración da Policía Local na rede de prevención de novos casos de violencia de Xénero porque é o corpo de seguridad máis próximo á cidadanía e que mellor coñece á veciñanza. O convenio que vai establecer o Concello de Cedeira co Ministerio do Interior establece o marco para a habilitación dos axentes municipais como usuarios da aplicación Viogén, a formación dos mesmos no uso desta ferramenta e a adecuación dos sistemas informáticos.

O CONCELLO DE CEDEIRA EXPRESA O SEU FIRME REXEITAMENTO A TODAS AS FORMAS DE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O Concello de Cedeira conmemorou onte o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no que se expresou “o noso rexeitamento a todas as formas de violencia que sofren as mulleres polo mero feito de selo” e para reivindicar que este é un problema “que debe comprometer a toda a poboación, axentes sociais, institucións e medios de comunicación, recoñecendo a importancia do papel das entidades locais”.

“Combater as violencias machistas significa adoptar acordos e compromisos políticos para aumentar os orzamentos públicos destinados a facerlle fronte , e dotar a os equipos especializados dos recursos necesarios para a súa prevención e atención integral”, reivindicou a corporación de Cedeira a través do seu manifesto institucional, no que se recordou non so a alarmante cifra de vítimas senón tamén particularmente o incremento dos casos de agresións sexuais cometidas por menores e o paso atrás que representan os discursos negacionistas.

CINE, TEATRO E ACTIVIDADES SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO, NA AXENDA DESTA FIN DE SEMANA EN CEDEIRA

Cine, teatro e os actos conmemorativos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres conforman a axenda desta fin de semana en Cedeira. Conclúen o ciclo Mestre Mateo co pase do documental “Onde máis doe” e remata tamén o programa de teatro afeccionado Fusa Guillén coa representación da compañía Axóuxere.

O Auditorio acollerá mañá sábado, ás 20.00h, a proxección de “Onde máis doe”, unha cinta que foi finalista na categoría de documental no certame do cine galego e que encaixa á perfección coa reflexión que se quere promover no 25N. Manane Rodríguez dirixe a película, na que un home asesina ao seu fillo despois de ameazar durante anos a súa ex parella. Ao igual que nas anteriores citas do ciclo, a entrada será gratuíta.

Tamén mañá terán lugar o programa organizado polo Concello de Cedeira con motivo do 25N. O acto institucional será ás 19.00h no Auditorio e consistirá na lectura dun manifesto e de fragmentos do libro “Comezar desde cero” de Tania Merelas, que recompila as voces de mulleres en proceso de recuperación despois de ser vítimas de violencia machista. Un “minuto de ruído” rematará con este acto.

O Centro de Ocio Xuvenil proxectará mañá ás 17.30h, para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, a curta “Violencia invisible”, de María Giséle Royo, na que se abordan as situacións de violencia psicolóxica de xénero. A continuación haberá unha merenda-coloquio na que participará o equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira.

Xa o domingo chegará a última representación do ciclo de teatro afeccionado Fusa Guillén. A compañía de Oleiros Axóuxere Teatro representará “Facendo as Partixas”. A acción sitúase nos anos 80, cando o país esperta á democracia. Dúas irmás xúntanse, tras vinte anos sen verse, para repartir a herdanza familiar. Ana, a menor e progresista, fuxiu con 17 e estivo desconectada da familia mentres Laura, a maior e conservadora, quedou a coidar dos seus pais ao tempo que sacaba adiante á súa propia familia. Durante este reencontro, lembran o pasado, xurden as pantasmas e os reproches… pero descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían. A reconciliación entre ambas, e cada unha consigo mesma, converterase nos alicerces dun esperanzador futuro. Esta obra está especialmente dirixida a quen poida lembrar ou teña referenzas dunha época sen teléfonos móbiles, onde as nenas xogaban con bonecas “Mariquita Pérez”.