Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CLIA DE CEDEIRA ESTREOUSE NO XI FORO DA INFANCIA UNICEF QUE SE CELEBROU ONTE NO PARLAMENTO GALEGO

O Consello Local da Infancia e Adolescencia de Cedeira participou onte no XI Foro da Infancia Unicef que se desenvolveu no Parlamento de Galicia, no que tamén tomaron a palabra integrantes dos outros once municipios que contan con este organismo de participación. Anxo Moreda actuou como voceiro do CLIA cedeirés e abriu a quenda de intervencións subliñando a importancia de que nenos, nenas a mocedade conten á hora de deseñar políticas públicas e poidan opinar sobre os cambios que se producen na sociedade “porque a nós tamén nos afectan”.
O voceiro do CLIA de Cedeira apelou ao Parlamento Galego para que faga seus os mesmos obxectivos que ten o consello local e garanta que a infancia e adolescencia ten voz tamén na Xunta de Galicia.

Xunto co consello de Cedeira participaron na sesión representantes dos organismos de participación de Laracha, A Coruña, Burela, Nigrán, Moeche, Ponteareas, Redondela, Teo, Tomiño e Viveiro. Cómpre recordar que o CLIA cedeirés acaba de crearse –o pleno de aprobación do seu regulamento celebrouse o pasado día 17- e está formado por trinta nenos e nenas, rapaces e rapazas tanto do CEIP Nicolás do Río como do IES Punta Candieira.

PUBLICADA A APROBACIÓN INICIAL DO REGULAMENTO DO CONSELLO LOCAL DE INFANCIA E ADOLESCENCIA

O Pleno do Concello de Cedeira, en sesión extraordinaria realizada o 17.11.2023, acordou a aprobación inicial do Regulamento do Consello Local de Infancia e Adolescencia.
De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo de trinta días, a contar dende o seguinte ao da inserción do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar as reclamacións e suxerencias que estimen oportunas, encontrándose o expediente de manifesto na Secretaría do Concello durante o prazo sinalado.

Pódese consultar o texto do Regulamento municipal na seguinte ligazón:

Descarga PDF Regulamento Consello Local de Infancia e Adolescencia de Cedeira.

Descarga PDF Anuncio Aprobación inicial do Regulamento do Consello Local de Infancia e Adolescencia

De non presentarse reclamacións durante o citado prazo, o Regulamento considerarase definitivamente aprobado.

CEDEIRA COMPLETA A INTEGRACIÓN DA POLICÍA LOCAL NO SISTEMA VIOGÉN DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o convenio que completa a integración da Policía Local no sistema Viogén de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero. No pasado mes de marzo o alcalde Pablo Diego Moreda Gil asinara xa coa Delegación do Goberno o protocolo de adhesión ao sistema, paso previo necesario para establecer agora o convenio que fará efectiva a súa implantación.

O sistema Viogén creado polo Ministerio de Interior permite, a través dunha aplicación informática, integrar toda a información policial, xudicial ou penitenciaria de interese, aportada por todas as institucións e forzas de seguridade que teñen competencias en materia de violencia de xénero. A integración dos corpos policiais municipais permite que estes axentes fagan o seguemento de situacións consideradas de risco baixo, mentres que a Garda Civil se encarga dos casos activos clasificados como de maior perigo. O cruce de información, a través da aplicación á que agora vai ter acceso a Policía Local de Cedeira, considérase esencial para garantir unha actuación máis eficaz na prevención de novos casos de violencia de xénero.

É de especial interese a colaboración da Policía Local na rede de prevención de novos casos de violencia de Xénero porque é o corpo de seguridad máis próximo á cidadanía e que mellor coñece á veciñanza. O convenio que vai establecer o Concello de Cedeira co Ministerio do Interior establece o marco para a habilitación dos axentes municipais como usuarios da aplicación Viogén, a formación dos mesmos no uso desta ferramenta e a adecuación dos sistemas informáticos.