Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA RECUPERA NESTAS FESTAS O CAMPAMENTO CONCILIA PARA NENOS E NENAS

O Concello de Cedeira recupera este ano o campamento Concilia para ocupar con xogos e actividades as mañás de nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2018 e facer compatible a vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal. O programa funcionará nos días laborables entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos, entre as 09.00 e as 14.00 horas. Hai un total de 60 prazas e as solicitudes poderán presentarse ata o día 14 de decembro.

O campamento Concilia estará atendido por tres monitores/as que desenvolverán moi diversas actividades cos nenos e nenas. Haberá xogos inchables, karaoke, photomaton con impresora, labirinto, obradoiros con materiais de refugallo…

Nas bases do campamento Concilia establécese que cinco das 60 prazas disponibles serán para nenos ou nenas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Na inscrición, terán preferencia os menores empadroados en Cedeira, e a continuación aqueles cuxos titores traballen no termo municipal. Atendendo a isto, a continuación tamén terán prioridade as unidades familiares nas que ambos proxenitores acrediten traballar polas mañás ou ben estar realizando un curso de formación na mesma franxa horaria. Nas bases, que están colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, está o formulario de inscrición e os documentos a presentar.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira tamén vai organizar xogos e actividades de lecer no Polideportivo Municipal durante as tardes do periodo de vacacións, así como dúas festas acuáticas na piscina municipal.

Pódese descargar as bases campamento urbano de Nadal 2023 na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases campamento nadal 2023

 

COMERCIO E EMPRESAS DE CEDEIRA ALENTARÁN UN ANO MÁIS AS VENDAS EN NADAL CO SORTEO DE 3.300€ EN PREMIOS

O comercio, a hostalería e en xeral pequenos negocios de todos os sectores participan un ano máis na campaña “En Nadal, en Cedeira”, que repartirá 3.300€ en premios e que vai dirixida a dinamizar as vendas nunhas datas nas que a localidade recibe a moitos visitantes. O Concello respalda cada ano esta iniciativa, na que non so participan tendas de roupa e outros artigos para agasallar, senón tamén perruquerías, corredurías de seguros, asesorías, ferreterías… ata chegar a uns 175 negocios. Desde o vindeiro 5 de decembro ata o 5 de xaneiro repartirán rifas entre a súa clientela, para o sorteo que se vai celebrar o 13 de xaneiro.

Sortearanse 3.300€ en repartidos da seguinte maneira: un cheque de 500€, dous de 300€, seis de 200€ e 10 de 100€. Como é habitual, o sorteo convertirase nun acto festivo, con música, e con moito público asistente. Será o día 13 na praza do Floreal, ás 20.00h.

Durante as festas de Nadal, os establecementos participantes na campaña engalanarán os seus negocios con árbores de luz branca, alfombras vermellas e paquetes de regalo. Tamén o comercio de Cedeira promove este ano o enfeite do exterior do Palacete Municipal cunhas bolas decoradas por alumnado do CEIP Nicolás do Río. Trátase de bolas procedentes dun negocio de animación infantil que foron doadas ao centro precisamente para realizar esta acción, coa que contribuirán a poñer máis ambiente de nadal na localidade.

CAMPAMENTO URBANO DE NADAL 2023 DO CONCELLO DE CEDEIRA

Este campamento de Nadal ten a finalidade de facilitar unha alternativa de ocio para as nenas e nenos promovendo así a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal. As actividades que se desenvolverán terán carácter lúdico: xogos, obradoiros de refugallo, actividades deportivas, etc.

Dispón de 60 prazas e resérvanse 5 prazas para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33%. Se desenvolverá os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.

O campamento urbano de Nadal está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2018, ambos incluídos e desenvolverase no CEIP Nicolás del Río. O horario será de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

O prazo de presentación de solicitudes será de 7 días hábiles a contar a partires do día seguinte ao da publicación das presentes bases no taboleiro de anuncios dixital.”

Pódese descargar as bases campamento urbano de Nadal 2023 na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases campamento nadal 2023