Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O DELEGADO DO GOBERNO CONFIRMA EN CEDEIRA A PRÓXIMA LICITACIÓN DA REXENERACIÓN DA MADALENA

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, visitou onte a praia da Madalena de Cedeira acompañado do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil e do primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez. No encontro, o responsable confirmou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten listos os pregos do expediente de licitación do proxecto de rexeneración do areal e que a actuación está orzamentada. Segundo informou, sairá a concurso o vindeiro ano cun presuposto de 2.362.615,65€ (IVE incluído) e poderá executarse despois do verán para non interferir coa época de máis afluencia.

“Actuacións na morfoloxía da praia da Madalena” é o título desta ambiciosa actuación coa que se vai terminar de xeito definitivo coa degradación do areal e o retroceso da liña de costa. Culminará, coa execución deste proxecto, un proxecto que se comenzou a perfilar no mandato do PSOE e o BNG de 2015 e 2019 e do que foron cumpríndose fitos nos últimos anos. Así, en febreiro de 2019 saíu a licitación a redacción do proxecto e o estudio de impacto ambiental, que se someteron a exposición pública en 2021. A pandemia ralentizou o proceso e foi xa en abril de 2023 cando o Ministerio publicou a declaración de impacto ambiental, quedando pendente só a contratación da obra.

Para corrixir os problemas e a degradación que a praia da Madalena sofre desde finais da década dos noventa, construirase un espigón de 77 metros que asegurará a estabilidade da liña de costa fronte aos fenómenos erosivos. Xunto a ese obxectivo de devolver a estabilidade á Madalena, no proxecto prevese a reconstrución do sistema dunar e a súa repoboación con vexetación autóctona, conservando e potenciando a diversidade deste espazo e dos colindantes, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. A actuación servirá tamén para mellorar o encauzamento da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga.

Cómpre recordar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica custeou tamén, a través de Demarcación de Costas, a recuperación das cetarias do Sarridal. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu a visita e celebrou a próxima licitación do importante proxecto para a praia da Madalena.

CÁNDIDO PAZÓ LEVA A PEZA “APAGA O CANDIL” ESTE VENRES AO AUDITORIO MUNICIPAL DE CEDEIRA

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres, ás 21.00h, a representación da peza teatral “Apaga o candil”, escrita e dirixida por Cándido Pazó, na que se fai homenaxe a Carlos “O Xestal”, humorista, músico e figura clave da tradición popular galega. A función, de entrada gratuíta, chega a Cedeira da man da programación 4x3Outono da Deputación da Coruña.

A peza é unha coprodución de Contraproducións e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e está interpretada por Avelino González e Toni Salgado. O punto de inspiración estrutural e argumental da obra son os clásicos contos da visita da morte, un tipo de historias tradicionais que teñen un esquema semellante: un personaxe topa coa morte que lle ven anunciar o seu final inminente, de maneira que o aludido trata de enganala e librarse do seu lúgubre designio, sen éxito. Na tradición galega, este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter dramático.

A obra é un recoñecemento a Carlos “O Xestal” (A Coruña, 1933-1993), o coñecido humorista galego que popularizou “Apaga o candil”, superventas de cintas de casete en las décadas de los 60 y los 70, guionista en programas de televisión e fundamentalmente un portentoso contador e cantador de historias tipicamente galegas con retranca e con certo carácter reivindicativo. Entre outras cousas, foi tamén un grande estudioso da música tradicional galega, impulsor de diferentes formacións.

A CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO SARRIDAL DESCOBRE OS RESTOS DUNHA FORXA DA ÉPOCA GALAICO ROMANA

O equipo de Axa Arqueoloxía vén de rematar unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal, con financiación da Dirección Xeral de Patrimonio, que deixou interesantes achados. En concreto o descubrimento de varios elementos dunha forxa castrexa da época galaico romana: parte dos muros, a fragua, unha base de pedra que faría as veces de macho e as pías nas que estaría a auga para enfriar as pezas. Emilio Ramil, o director dos traballos arqueolóxicos, confirmou que en moitos xacementos galegos apareceron restos que confirmaron este tipo de actividade industrial, pero que esta é a primeira ocasión en que se poden presentar estas estruturas.

A zona da forxa está situada entre a muralla perimetral do castro e o cantil, fóra do recinto residencial. Na escavación apareceron restos de opus signinum, un pavimento romano, así como pezas de tella que indican a existencia dunha cuberta a dúas augas nesta área de traballo. Este pavimento está sobre outra capa de empedrado propiamente castrexo na que aparecen vestixios de foxas que xa eran empregadas para recoller a auga, así como escorias que confirman que tamén antes esta parte do asentamento era utilizaba para forxar ferramentas de ferro antes da chegada dos romanos. Entre os achados están tamén pedras anfibolitas que son altamente refractarias e que se empregarían para expor ao lume.

Esta nova campaña de escavacións confirmou unha vez máis a importancia do xacemento do Castro Sarridal. Desde o ano 2017, no que comezaron os traballos, sucedéronse as campañas financiadas polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio. Confirmouse a través dos sucesivos achados que este foi un lugar habitado desde o século III ou IV a.C. ata o IV ou V d.C. Nel apareceu a quinta pedra formosa descuberta en Galicia –o que sería un balneario castrexo-, unha moneda romana e as devanditos elementos dunha ferrería prehidráulia, entre outros elementos.