Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA ACOLLE ESTE SÁBADO UNHA XORNADA DA LIGA GALEGA DE KARATE CON RÉCORD DE INSCRICIÓNS

Cedeira acollerá este sábado a 3ª Xornada da Liga Galega de Karate, na que se rexistrou un novo récord de participación, ata chegar as 626 inscricions de 32 clubes. É, segundo explicou esta mañá o presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente López, na presentación da proba, a cifra máis alta de deportistas rexistrada na historia desta disciplina en Galicia. Lafuente estivo acompañado, na presentación do evento no Concello de Cedeira, por Juan Carlos González, directivo da escola de Karate de Cedeira, e polo primeiro tenente de alcalde, Xosé Arribe. Trátase dunha competición oficial, recollida no calendario deportivo da Federación Galega de Karate, que se desenvolve en diferentes xornadas. O seu obxectivo é de carácter promocional tendo como destinatarios aos deportistas das categorías de base, nas modalidades de Kata (formas) e Kumite ( combate). As categorías en competición son as seguintes: pre-benxamín (ata os 5 anos), benxamín (6 e 7 anos); alevín (8 e 9 anos), infantil (10 e 11 anos), xuvenil (12 e 13 anos) e cadete (14 e 15).

A competición desenvolverase en xornada de mañá e de tarde, a primeira de 9.30 a 14.30 para as categorías xuvenil e cadete, e a segunda de 16.30 a 21.00h para pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil.

O Club de Karate Cedeira participa con 18 deportistas. Ademais, podemos engadir a participación doutros clubs de Ferrolterra como por exemplo: Grupo Bazán, Artes Marciais Fene, Escola de Karate A Gándara, Escola de Karate Shiai Narón, Escola Superior de Karate de Narón, Karate Casino de Ares, Club Galea Sport, Renbukan, Bunkai, Beni Gym… Poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da
plataforma web Karate Scoring. A entrada será de balde.

TARABELA TEATRO LEVA A CEDEIRA A SÚA NOVA OBRA “BOA SORTE. MALA FAMA” SOBRE A EMIGRACIÓN GALEGA

A compañía Tarabela Teatro vai representar este sábado en Cedeira a obra “Boa Sorte. Mala Fama”, unha traxicomedia sobre a emigración galega contruída tras a recolleita de moitos testemuños e que mistura narración oral e música ao vivo. A función será ás 20.00 horas e as entradas, a 2,5€, estarán á venda na billeteira desde media hora antes.
“Boa Sorte. Mala Fama” vai dirixida ao público adulto. Con texto e dirección de Carmen Conde, que comparte escenario con Nastasia Zürcher e Marina Pena, a obra está estruturada en tres actos: os tratos, os maltratos e os retratos, nos que se fai un percorrido pola historia máis “incómoda” da emigración galega. “Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa marchamos por necesidade”, expón a presentación da peza, que vén de estrearse o pasado
febreiro.

O 7º DUATLÓN DE MENORES “CONCELLO DE CEDEIRA” LEVOU Á LOCALIDADE A UNHAS 1.200 PERSOAS DE TODA GALICIA

A vila de Cedeira converteuse o pasado sábado no destino dunhas 1.200 persoas procedentes de toda Galicia que acudiron ao campinato galego e sétimo Duatlón de Menores “Concello de Cedeira”. Tanto desde o goberno local como desde o club Natación Cedeira destacan a importancia deste tipo de eventos porque impulsan o deporte, pero tamén porque son un revulsivo para a economía local e contribuen á desestacionalización do turismo.

Preto de 350 nenos e nenas de once clubes de diferentes localidades participaron nas probas que se desenvolveron na zona do paseo marítimo e a praia da Madalena nas categorías de benxamín, alevín, infantil, remudas mixtas e inclusivo. Acudiron os e as deportistas acompañados dos seus familiares, na maior parte dos casos para aproveitar toda a xornada en Cedeira. Así, ao igual que sucedeu co duatlón que se desenvolveu o pasado 17 de febreiro, a competición deportiva serviu para animar as rúas da localidade e levar xente aos negocios de hostalería e o comercio.
O club Natación Cedeira montou o circuíto contando coa colaboración de pais voluntarios e coa experiencia de anteriores ocasións, co que as probas se desenvolveron sen atrancos. A única péga foi a choiva e o vento, que impediron a montaxe do arco inchable na meta e algún outro elemento.

Segundo explicou Xan Suárez, o director o Natación Cedeira, o club está satisfeito polos resultados e polo número de nenos e nenas que están a competir nestas categorías, garantía de futuro para as superiores. A deportista Paula Castro Freire foi primeira na categoría benxamín feminina, coa tamén cedeiresa Adriana Erkens en segundo posto. Martín Otero Villadóniga quedou segundo na de infantil masculina e o club de Cedeira quedou terceiro na proba de remudas mixtas. Tamén Irene García Nebril quedou subcampioa galega e o equipo benxamín feminino quedou en primeiro lugar e o infantil feminino en segundo posto.

Dado o éxito desta e anteriores experiencias, desde o club apuntan que están evaluando a posibilidade de organizar un triatlón no vindeiro verán. O goberno local expresou o seu agradecemento á Policía Local e ao voluntariado de Protección Civil polo seu traballo nesa xornada.