Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECERÁ ESTE XOVES O TRADICIONAL CONCERTO VILA DE CEDEIRA

A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este xoves, ás 18.30 horas, o seu tradicional Concerto de Nadal no Auditorio Municipal, baixo a batuta do seu novo director Eduardo Mallén. A veterana formación cederá o escenario no transcurso da súa actuación aos alumnos e alumnas da Escola de Música da localidade, coa que mantén unha estreita relación e colaboración, para que toquen tamén diante do público.

A Banda de Música Vila de Cedeira é unha formación cunha traxectoria de 40 anos e de espíritu inquedo, que adoita ofrecer un repertorio non só formado por pezas habituais deste tipo de formación senón tamén por outras máis actuais encadradas en estilos como o pop ou o rock.

A entrada será libre ata completar o aforo e será obrigatorio amosar o certificado de vacunación.

O CONCELLO ACHEGA CALENDARIOS COA NOVA MARCA DE CEDEIRA PARA O ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA

O Concello de Cedeira entregou esta mañá 460 calendarios coa súa nova marca territorial ao IES Punta Candieira, para o seu reparto entre o alumnado, igual que fixo o pasado xoves no CEIP Nicolás do Río. O almanaque deste ano emprega a nova imaxe da localidade, o peixe de Santo André de Teixido, asociada nos doce meses do ano a diferentes eidos da vida local, como son os deportes, o Entroido, o Samaín, a natureza, as festas e o Nadal.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Xuventude, Carmela Prieto, achegaron esta mañá os exemplares ao centro. Con estes calendarios, o Concello quere contribuír a que a veciñanza coñeza e faga súa a imaxe, creada ao abeiro do desenvolvemento do proxecto Pescaturacción –con financiamento europeo procedente do GALP A Mariña Ortegal- como un distintivo territorial que identifica a calidade do peixe e o marisco de Cedeira e a riqueza paisaxística, xeolóxica e territorial do municipio.

É un elemento que o Concello quere impulsar como unha denominación de orixe de Cedeira, tanto para os produtos da pesca, o comercio ou a artesanía local, como para as actividades culturais, educativas e deportivas.

CEDEIRA CELEBRARÁ O DÍA 26 DE DECEMBRO UNHA NOVA EDICIÓN DA CARREIRA LÚDICA DE SAN SILVESTRE

O Concello colabora un ano máis co Club Natación Cedeira na organización da carreira de San Silvestre, unha proba de carácter lúdico e festivo que adoita ter unha alta participación de persoas de todas as idades. A actividade está programada para o vindeiro 26 de decembro, domingo, ás 20.30 horas, e desde as 19.00 horas poderán recollerse os dorsais no punto de saída, o Pavillón Municipal.

A definición como “carrera/andaina” que aparece no cartel desta San Silvestre destaca o seu carácter aberto e non competitivo. De feito, non é precisa a inscrición e tampouco ten clasificación. A cita deportiva, na que cada quen corre ou camiña ao seu ritmo, celebrouse por primeira vez no ano 2013 e desde aquela mantívose todos os anos excepto o pasado, pola pandemia, cunha alta participación.

Como en anteriores edicións, haberá un percorrido curto, de 3.240 metros, e outro longo, de 5.255 metros. No primeiro, o trazado vai pola rúa dos Deportes, Salinas, Camiño Real da Madalena, Santo Isidro, Camiño Real da Madalena, praza 18 de Decembro e avenida de España ata a meta, que estará no Pavillón Municipal. As persoas que opten polo percorrido longo, seguirán, ao chegar á praza 18 de Decembro, pola rúas Rosalía de Castro e Ortigueira, o Camiño da Acea, rúa Gaias da Area, avenida da Area, praza de Galicia e volverán pola avenida de España ata o pavillón.