Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A PRAZA ROXA PASARÁ A CHAMARSE PRAZA ARCO DA VELLA

Dentro das obras de remodelación das prazas de Cedeira, incluídas nas axudas europeas do PostNext Generation 4.1, a praza Roxa cambiará o seu nome e a cor do firme pasando a ser Praza Arco da Vella.
As obras, que xa levan dous meses de execución, comezaron o pintando do chan hoxe mesmo. A pintura levará unha capa de resina por riba, extraída dos piñeiros máis europeos que atopemos na Capelada, resaltando así o compromiso cos fondos que promoven esta obra.
Unha vez rematada, esperamos que antes do entroido, comezará a remodelación da praza do peixe que pasará a ser a rotonda menudo peixe! coa colocación dunha escultura dunha merluza de 15 metros de altura no seu centro con iluminación de leds, un millón, e que se acenderá cada nadal.

O CONCELLO ABRE MAÑÁ UN ESPAZO DE OCIO CUNHA PISTA DE XEO E OUTRAS ATRACCIÓNS PARA AS FAMILIAS

O Concello de Cedeira inaugura mañá un espazo adicado ao xogo e o lecer en familia durante estas festas. Ata o vindeiro 9 de xaneiro, todos os días e de xeito totalmente gratuíto, estará aberta unha pista de xeo sintético de 200 metros cadrados, sobre a que se poderán utilizar os patíns con coitelas que estarán tamén a disposición do público, así como unha zona infantil con inchables e talleres de actividades.

O xeo sintético ou ecolóxico que se emprega nesta pista permite patinar como nas de auténtica auga conxelada, pero sen apenas custo enerxético. A instalación funcionará todos os días, agás os festivos do 25 de decembro e o 1 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. As persoas que estarán atendendo a instalación e coidando que se cumpra o aforo máximo de 25 persoas, repartirán tamén patíns de balde. Estarán dispoñibles 150 pares con números do 25 ao 47, para garantir que poden gozar da atracción tanto crianzas como maiores.

Baixo a mesma carpa que se vai instalar na praza Roxa haberá unha zona de xogos infantís con un inchable para nenos e nenas a partir de tres anos e un tobogán de 8×3 metros polo que as crianzas poderán deslizarse en trineo. Estes xogos funcionarán no mesmo horario que a pista de xeo, todos os días de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, igualmente de xeito gratuíto. Ademais, de 18.00 a 20.00 horas desenvolveranse, todos os días, actividades lúdicas e educativas pensadas para participar en familia.

O goberno local de Cedeira quere contribuír con esta proposta a garantir un espazo de lecer a cuberto e seguro para as familias, coidando do cumprimento de todas as medidas sanitarias anticovid e axudando a dinamizar, ao mesmo tempo, o comercio e a hostalería da localidade.

O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 61.000€ NO ARRANXO DAS FACHADAS E O TELLADO DA AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

Dous anos despois da ampliación da escola infantil municipal de Cedeira, o Concello vén de contratar obras, por valor de 61.353€, para a adecuación exterior do edificio que cedeu para dotar de novos espazos ao centro. Os traballos, tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, consisten na reparación e pintado das fachadas, así como no cambio dos ventanais, o arranxo do beirado do tellado, que mesmo presenta risco de caer, e a colocación de novos caleiros.

Tal como recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, no ano 2019 o Concello de Cedeira colaborou co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para facer posible a ampliación da escola “A galiña azul”. Daquela, a institución municipal puxo a disposición do organismo autonómico os locais necesarios, no edificio da súa titularidade contiguo á escola. As obras cinxíronse ao interior, cun presuposto de 141.000€ dos cales o Consorcio asumiu a maior parte, e permitiron incrementar o número de prazas das 58 anteriores ás 78 actuais.

Porén, quedaba pendente a adecuación do exterior do inmoble no que se executou a ampliación. Así, o Concello contratou recentemente o cambio dos seis ventanais do inmoble á empresa Proinor, por un presuposto de 11.736€ (IVE incluído). A esta obra, que aínda está por executar, súmanse agora outras intervencións necesarias. Está xa en marcha a limpeza, reparación e pintado e impermeabilización das fachadas, que realiza a empresa Agustín González Carro por un presuposto de 18.966€. Prieto Mouriz farase cargo do arranxo do beirado da cuberta, coa desmontaxe de parte das tellas e o formigonado das cornixas, por 24.891€, e Canalones Valdoviño renovará os caleiros por 2.347€.A todo isto súmase a instalación das estadas precisas para o desenvolvemento dos traballos, que fixo Alquileres F-3 por 3.412€.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que o goberno local está á espera de poder reunirse coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para abordar a construción dun Centro de Día en Cedeira. O goberno local ten o proxecto de facelo realidade nunha parcela de titularidade municipal, próxima á antiga estación de autobuses. “É unha demanda moi necesaria, para Cedeira e tamén para outros municipios da zona, que temos que impulsar a través dun acordo de cofinanciación”, explicou Moreda.