Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

“ANATOMÍA DUNHA SEREA”, TEATRO SOBRE A VIOLENCIA OBSTÉTRICA, ESTE SÁBADO NO AUDITORIO MUNICIPAL

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 23 de abril, ás 20.00 horas, a obra teatral “Anatomía dunha serea”. A montaxe, de 75 minutos de duración, é unha proposta de teatro autobiográfico e documental que conta a experiencia persoal da actriz protagonista, Iria Pinheiro. Unha peza que recolle e pon en valor a través dunha única voz as vivencias dunha muller que é nai e vítima de violencia obstétrica. O prezo da entrada é de 2,5€.

Tras o seu parto, a protagonista narra os episodios violentos que viviu durante a estancia no hospital dun xeito directo e visceral. “Anatomía dunha serea” nace para contar un relato aparentemente íntimo e persoal pero que dá conta dunha realidade común a moitas mulleres no mundo, unha experiencia individual que se descobre verdadeiramente como unha historia global cun claro tinte de denuncia. A obra deixa ao descuberto os aspectos máis agrios da maternidade, tais como a violencia de xénero en lugares tan insospeitados como as salas de parto e a vulneración da intimidade das mulleres.

A obra foi galardoada con dous Premios María Casares no ano 2019: Mellor actriz e Mellor texto orixinal.

NEGOCIOS DE HOSTALERÍA LOCAL PARTICIPARÁN NOS SHOWCOOKINGS DE DANIEL LÓPEZ E LUCÍA FREITAS PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS DA COSTA DE CEDEIRA

O PROXECTO CEDEIXURA- PESCA DE COSTA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA, ten programado como xa se fixo o ano pasado, a celebración de dúas xornadas de showcookings para a hostalería da vila.

Con CEDEIXURA quérese implicar ao sector hostaleiro de Cedeira para que dea visibilidade ao produto da pesca de baixura e ao marisqueo, a súa calidade diferencial. Con estas xornadas de “showcooking profesionais” póñense en relación dous dos sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro.

As dúas xornadas celebraranse no local da Confraría de Pescadores de Cedeira en horario de tarde, martes 26 e mércores 27 de abril de 17.30 a 19.30 horas. Na sesión do martes estará Daniel López, xerente do coñecido establecemento ferrolán O Camiño do Inglés con dous Soles Repsol e gran precursor do produto fresco da costa, e na sesión do mércores a impartirá Lucía Freitas, Estrela Michelín 2022 e recentemente galardoada co premio Chef de L´Avenir pola Academia Internacional de Gastronomía.

Como aconteceu o ano pasado, os negocios da hostalería local recibirán unha formación teórico-práctica na que se verá como os procesos de extracción artesanais, a garantía da trazabilidade e o control na calidade do produto, son cruciais para traballar con un bo produto e ofrecer os mellores sabores que o mar da nosa costa ofrece.

Estas xornadas, como as do ano pasado, axudarán a que os establecementos locais recollan ideas innovadoras dos pratos que se elaboren polos dous chefs, e as introduzan nas súas elaboracións propias.

Con estas ideas, os cociñeiros locais enriquecerán a oferta das súas cartas e menús, elaborando novas creacións a partir da formación impartida por Daniel López e Lucía Freitas. Ao mesmo tempo estes profesionais se converten en transmisores da excelencia, calidade e sabor que lle aporta o coñecemento e a innovación á frescura da pesca de costa e do marisqueo da vila.

FESTAS DE CEDEIRA 2022

Este ano volven as festas a nosa Vila e desenvolveranse entre o 11 e o 17 de agosto. Coa intención de darlle continuidade ao modelo anterior a estos anos de restricións por causa da COVID19, gostaríanos contar cos grupos musicais que hai na nosa Vila para que participen no programa das mesmas.
Para tal fin pedímosvos que se tedes un grupo na nosa localidade cubrades este formulario antes do 4 de maio. Unha vez teñamos o listado dos grupos inscritos, contactaremos con vós para pormenorizar as condicións, datas e horarios de actuacións.
As actuacións serán na praza Roxa, nun escenario ODL-950 e con sonido profesional adaptado ao rider dos participantes.
En coordinación coa asociación Discalz@s polo Festival e cos propios grupos decidirase cales participan en cada evento.
Se tedes un grupo en Cedeira, apuntádevos!
https://forms.gle/JtdFN2Xm8Xac3yh58