Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O número 14 do boletín As7parroquias xa está nos fogares do Municipio de Cedeira

Este ano a veciñanza de Cedeira puido acompañar a gastronomía do Entroido coa lectura do último número do boletín As7parroquias, unha publicación municipal ateigada de boas noticias pero tamén de reivindicacións. O Concello xa repartiu estes novos os exemplares polos fogares, entidades e servizos públicos.

No apartado de demandas, no boletín de febreiro signifícanse de modo especial a petición que levou a máis dun milleiro de persoas a saír á rúa para esixir a restitución da atención pediátrica no centro de saúde da localidade, así como as xestións que o goberno de Cedeira está a levar a cabo ante a Xunta e a Deputación para poñer en funcionamento un centro de día no municipio e para a construción dunha nova fábrica de xeo que garante o futuro do pósito local. Esta última petición tratouse directamente coa conselleira Rosa Quintana.

A inauguración da escola infantil, por parte da titular de Política Social, a presentación dun vídeo promocional do proxecto do Xeoparque en Fitur e a adhesión de Cedeira ao Pacto dos Alcaldes polo Clima son outras das información recollidas na publicación.

Co que agora xa están a ler os vecinos/as son un total de 14 os boletíns cos que o executivo local quere manter ao día á poboación local sobre as actividades municipais que poden ser do seu interese.

 

O Concello conmemorará o 8m con xogos infantís, un manifesto, recomendacións literarias e música

O Concello de Cedeira promove a celebración dun total de seis actividades para conmemorar o Día da Muller. O goberno municipal convida ao conxunto da veciñanza a participar nas iniciativas para evidenciar o seu máis severo rexeitamento ás condutas machistas e para demandar unha sociedade máis xusta e igualitaria. Nesta ocasión, o Palacete municipal convertirase no epicentro de todos os actos.

A programación, convocada para o mesmo día 8 de marzo, dará comezo ás 11.30 horas coa celebración de Xogos infantís en igualdade. A iniciativa consiste en distintas actividades creativas co tema do día como única referencia. Desde o Concello ponse o acento no contido educativo da convocatoria.

O acto institucional, que será ás 12.30 horas, consistirá na lectura dun manifesto, que correrá a cargo de persoas que veñen colaborando na organización das actividades en torno ao 8M.

As bibliotecas recomendan….. é a proposta prevista para as 13.00 horas, que dará lugar á participación dos responsables das bibliotecas dos centros educativos da localidade e mesmo da biblioteca municipal para dar a coñecer algúns dos títulos literarios que mellor reflicten tanto o mundo da muller como as súas reivindicacións e dereitos.

Os actos do Día da Muller terán continuidade pola tarde. Así, a partir das 17.00 horas comezará a lectura de Muller bruxa, o conto de ser muller. Trátase dun fanzine escrito por Noa López Vidal co que se abrirá desde un tempo de coloquio coa propia autora ata a incorporación da música á programación coa participación de grupos e solistas locais e de alumnos da escola de música de Cedeira nunha cita cos Micros abertos.

O Concello impulsa unha campaña para sensibilizar sobre o correcto uso da rede de sumidoiros

O Concello de Cedeira inicia unha campaña de información pública para sensibilizar á veciñanza sobre a importancia que ten para a calidade ambiental da ría o uso responsable da rede de sumidoiros. “A ría de Cedeira comeza nos sumidoiros” é o lema dunha iniciativa coa que se queren evitar xestos tan nocivos como verter a auga dos fregados, tirar cabichas e lixo no chan ou directamente no sumidoiro.

Neste sentido, desde o equipo de goberno recórdase que existe unha rede urbana para a recollida das augas pluviais que remata na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría, o que fala “da importancia de adoptar condutas respectuosas con noso entorno”. Tamén se insiste no feito de apostar por verter cada residuo no colector axeitado, usar as papeleiras e baleirar a auga socia no inodoro para garantir un correcto tratamento e eliminación de cada refugallo.

A campaña deu comezo con charlas informativas no CEIP Nicolás del Río, entre escolares de 4º, 5º e 6º curso de Primaria. Baixo o título “Onde vai a auga que usamos?” os rapaces e rapazas descubriron como afecta o seu comportamento na casa o no funcionamento da rede de saneamento.

A iniciativa dará lugar así mesmo á sinalización dos sumidoiros para lembrar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. Así, cun pequeno xesto de colaboración cidadá contribuirase a manter limpa a nosa ría, aseguran desde o goberno local.